Estes recursos únense aos case 50.000 € que a institución provincial destinou xa ao concello para o mantemento e mellora do skate park do Porto
Trátanse de recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que repartiu xa máis de 3,8 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega para o Concello de Marín de preto de 25.000 euros, cos que poderá dotar a piscina municipal de equipamento de ximnasio. Trátase da segunda achega do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da institución provincial que recibe o concello, despois dos preto de 50.000 € que o organismo destinou xa a Marín para o mantemento e mellora do skate park do porto. En total e ata o momento, o Goberno provincial mobilizou ao abeiro deste Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas máis de 3,8 dos 4 millóns de orzamento total
Con estes preto de 25.000 euros Marín procederá a adquirir diferentes máquinas como bicicletas elípticas, máquinas de step ou de remo. Da mesma maneira, dotará ao ximnasio da piscina municipal doutro material deportivo como halteres de diferentes pesos, barras profesionais, pratos olímpicos, “bumpers”, estantes para halteres ou soportes para pratos.
As instalacións da piscina municipal foron obxecto recentemente dunha reforma integral financiada entre a Deputación e o propio Concello, e que corrixiu algúns dos defectos máis importantes que tiña a instalación. Debido a esta actuación, as máquinas do ximnasio permaneceron moito tempo paradas, o que, unido á súa antigüidade, fai necesaria a súa reposición.