O alcalde e a concelleira de Cultura presentaron esta tarde a súa sétima edición, que se realiza cada dous anos no municipio
O concurso, que terá lugar o vindeiro domingo, 28 de xullo, conta cunha gran sona en toda Galicia, España e mesmo Europa
As persoas interesadas en participar deben preinscribirse a través dun formulario web ata o propio día do concurso
O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, e a concelleira de Cultura, Raquel Fondo, presentaron esta tarde a que será a sétima edición do Certame Internacional de Pintura ao Aire Libre ‘Fernando Álvarez de Sotomayor’, que se realiza cada dous anos no municipio.
O concurso, que terá lugar o vindeiro domingo, 28 de xullo, conta cunha gran sona en toda Galicia, España e mesmo Europa, que nesta edición reparte ata 12.600 euros en premios.
Segundo indica o alcalde, José Manuel Mato, “convocamos de novo este certame de carácter internacional, que achega ao noso municipio a pintores e pintoras de primeiro nivel, coa riqueza cultural que iso implica para a nosa contorna”.
O rexedor quixo darlle as grazas “á familia Álvarez de Sotomayor pola súa implicación á hora de levar a cabo este proxecto, que se está a converter en todo un referente en Galicia en materia de arte e que ademais, promove a creación artística en Ponteceso e en toda a Costa da Morte”.
A concelleira de Cultura, Raquel Fondo, quixo “convidar a todas as persoas interesadas a participar neste certame, que serve como un gran elemento dinamizador e que atrae a artistas que serven como exemplo para os mozos e mozas do noso municipio á hora de desenvolver as súas carreiras no mundo da pintura”.
A organización aceptará un máximo de 100 persoas participantes maiores de idade por orde rigorosa de inscrición. A execución, o estilo e a técnica serán libres e a súa temática xirará exclusivamente ao redor do Concello de Ponteceso, con espazos determinados pola propia organización.
As persoas interesadas en participar deben preinscribirse a través do formulario web https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSfCPm0EICaz6hAGskC_aJG7oTQkkhDc9ytXAyeRxNUqZ9HDJw/viewform
As inscricións definitivas realizaranse no Centro Cultural Xosé Neira Vilas o propio día do certame, que terá lugar o 28 de xullo. O soporte non pasará as medidas 100×81 cm e presentarase o día do certame de 9 a 11 horas no Centro Cultural para ser selado.
A partir do certame, as persoas participantes poderán poñer á venda as obras non premiadas e a exposición durará como máximo ata as 21 horas.