A cesión de uso gratuíta é por cinco anos prorrogables a outros cinco e faise efectiva tras a previa sinatura dun convenio de colaboración entre a Asociación e o Concello
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, vénlle de entregar á presidenta da Asociación Cultural Tangaraño, Kari Cabezas, as chaves do edificio das Antigas Escolas Unitaria de Dornelas, que lle veñen de ser cedidas á Asociación tras a sinatura dun convenio de colaboración co Concello.
Deste xeito Tangaraño conta agora con estas intalacións de 150 metros cadrados de superficie máis 37 metros cadrados de aparcadoiro, para o seu uso.
A rexedora local mosense e a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, que a acompañou no acto de entrega, declararon a este respecto que “cedémoslle a Tangaraño este local municipal para que poidan levar a cabo as súas actividades centradas na divulgación dos diferentes aspectos da nosa cultura e os nosos costumes, a través de cursos de percusión e canto, baile, iniciativas etnográficas, galas, eventos solidarios, proxectos didácticos, etc.”
Ademais, as representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, informaron de que “a concesión do uso privativo das Antigas Escolas de Dornelas a Tangaraño ten un período de vixencia de cinco anos, ata xullo de 2029, puidendo ser renovable por un novo período de 5 anos máis, segundo acordo de ambas partes”.
A Asociación Cultural Tangaraño, que está a celebrar o seu 25 aniversario, nace en 1999 en Mos, proxecto de 20 persoas dirixido por Kari Cabezas. Tangaraño nace do baile; e ao redor deste, marca os seus obxectivos, facendo convivir dous estilos diferentes e afastados: o tradicional e coreográfico, pasando a ser o selo de identidade do grupo. Actualmente a asociación está formada por 40 compoñentes, que forman parte dos grupos de música e de baile:
Grupo de baile Tangaraño.
Grupos de música e canto:
• pandereteiras Meigas Fóra
• pandereteiros Os Tangaraños
• grupo de gaitas, saxo e percusión, Os ruidosos de Tangaraño
• Escola de baile.