- As inscricións estarán abertas dende o venres 12 e ata o luns 15 de xullo, e cada persoa pode anotar ata un máximo de tres integrantes
- A procesión marítima sairá, como é habitual, o martes 16 de xullo en torno ás 18.30 horas, despois da misa na lonxa
O Concello de Bueu organiza entre o 12 e o 17 de xullo as Festas do Carme, un dos eventos máis agardados e con máis tradición na vila. Con este motivo, dende o consistorio poñerase a disposición da cidadanía un barco para asistir á procesión marítima que terá lugar o martes 16, coincidindo coa festividade do Carme, a partir das 18.30 horas.
As inscricións para formar parte deste barco, que terá un total de 250 prazas, deberán realizarse a través do Rexistro Xeral ou pola Sede Electrónica do Concello a partir deste venres, 12 de xullo, e ata o luns 15. Cada persoa pode inscribir ata un máximo de 3 integrantes.
O rexedor salienta que “sabemos que todos os anos hai moitísima demanda para ver unha procesión con tanta tradición na nosa vila, e de aí que o Concello volva poñer a disposición da cidadanía por terceiro ano este barco para poder vela con seguridade”.