O equipo ‘La Pandi’, o máis rápido en rematar o xogo, gañou unha visita guiada ao Pazo de Mos e un almorzo ou cea de degustación de produtos típicos na Tapería Flora de Mos
A vindeira cita será o sábado 27 de xullo en Pazos de Borbén. Inscricións xa abertas na web
Máis de 120 persoas peregrinaron ao pasado nunha nova proba de ‘Eureka Reto Rural’ en Tomiño. Neste desafío, os participantes tiveron a oportunidade de desfrutar dunha experiencia moi emocionante que tivo como escenario o Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago. Nesta nova entrega do reto interactivo pensado para todos os públicos, EuRural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño permitiron que os participantes se achegasen aos segredos do pasado do municipio de Goián ao tempo que desfrutaban do aire libre da mellor compañía.
O equipo ‘La Pandi’, foi o que resolveu o reto no menor tempo, polo que gozará dunha visita guiada ao Pazo de Mos e un almorzo ou cea de degustación de produtos típicos na Tapería Flora de Mos. Por outra banda, ‘Os Lentos’, foron os afortunados que se levaron un lote de produtos de Tomiño e do Baixo Miño.
As persoas que non tiveron a posibilidade de asistir esta fin de semana ao encontro en Tomiño poderán igualmente desfrutar do escape room de forma libre. A actividade continuará aberta e dispoñible para todos os públicos durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.
‘Eureka Reto Rural’ levará a súa aventura polos 14 concellos do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, explorando a través de diferentes xogos de escapismo virtuais diferentes recunchos e historias dos municipios. As vindeiras citas serán o sábado 27 de xullo ás 20.00 horas en Pazos de Borbén coa temática de ‘La emigración: Las casas indianas’ e o domingo 28 en Fornelos de Montes ás 18.00 horas no marco da ‘Fiesta gastronómica de la carne del Suído y de la Chanfaina’. Aquelas persoas que teñan interese en participar en calquera dos escape rooms deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Nesta mesma páxina web atoparán toda a información sobre datas, puntos de encontro e horarios das diferentes probas.