A piscina municipal de Mos inicia o curso con cerca dun 15% máis de usuarios

adminON
Lectura mínima de 2

A piscina cuberta do Complexo Deportivo Óscar Pereiro inicia hoxe a súa tempada deportiva, na que contará con 1.172 usuarios semanais, o que supón un incremento do 14,8 % respecto ás mesmas datas do curso pasado.

A veciñanza respondeu de xeito moi positivo á programación prevista para este novo curso, que inclúe cursiños de natación para adultos, de luns a sábado, con niveis de iniciación e perfeccionamento, e tamén cursiños para nenos e nenas, de luns a sábado, adaptados a diferentes idades e niveis de aprendizaxe. Desta maneira, ofrécese unha ampla cobertura horaria que permite compatibilizar a práctica deportiva coa vida laboral e familiar.

Ademais dos cursos regulares, a piscina municipal ofrece catro grupos semanais de aquagym, unha actividade cada vez máis demandada pola súa combinación de exercicio físico, diversión e beneficios para a saúde. Tamén participan neste inicio de tempada os cinco colexios públicos do Concello e o IES de Mos, que empregan a piscina como recurso educativo e deportivo dentro do seu horario lectivo.

As tarifas varían entre os 12 € e os 24 € ao mes segundo o número de días e idade, cunha matrícula inicial de 6 €.

A posta en marcha desta nova tempada coincide coa finalización das obras de mellora acometidas na instalación, que incluíron melloras na cuberta e acondicionamento integral do vaso da piscina, o pintado das paredes e bancadas e o acondicionamento dos vestiarios anexos, actuacións que permiten ofrecer unhas infraestruturas máis cómodas, modernas e seguras para todos os usuarios.

Comparte este artigo