A vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Nóvoa, participou hoxe na sede da CEO, na inauguración desta xornada que pretende dinamizar o ecosistema empredendor das startups da nosa rexión
Marta Nóvoa, quen fixo un repaso polas iniciativas postas en marcha polo goberno provincial a prol do emprendemento ourensá, puxo en valor a importancia desta iniciativa que contribúe a potenciar esa “cultura emprendedora que na nosa provincia ocupa un lugar tan destacado”
Ademais, a xerente do Inorde, Emma González participa na mesa de traballo centrada no sector agroalimentario, vitivinícola e gastronómico; e o director da Área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira, intervén na mesa que aborda o sector termal e turismo interior
A Deputación colabora con “Ultreia Ourense”, un evento que pretende dinamizar o ecosistema emprendedor das startups da nosa rexión e que forma parte da iniciativa “Ultreia Galicia”, un ciclo de eventos que percorrerá as catro provincias galegas ao longo do mes de setembro co obxectivo de promover a innovación e o desenvolvemento empresarial.
A vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Nóvoa, participou hoxe na sede da CEO, xunto ao conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González; e á presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, na inauguración desta iniciativa que ten en Ourense o seu punto de partida.
Marta Nóvoa, quen fixo un repaso polas iniciativas postas en marcha polo goberno provincial a prol do emprendemento ourensá como por exemplo o proxecto “EmprendOU”, o “EmprendOU en feminino–8M”, ou a colaboración coa CEO no Plan ReActiva Ourense para o fomento dixital do emprego e Emprendemento, puxo en valor a importancia desta iniciativa que contribúe a potenciar esa “cultura emprendedora que na nosa provincia ocupa un lugar tan destacado”.
Así mesmo, a vicepresidenta primeira do goberno provincial dixo que desde as administracións “debemos aplicar políticas públicas que propicien o desenvolvemento empresarial nos nosos territorios e, polo tanto, que contribúan á xeración de riqueza e creación de emprego”.
Mostra desa implicación é esta iniciativa que trata de incentivar aos emprendedores e axentes do ecosistema a acadar o propósito de impulsar o seu camiño creando sinerxías e identificando retos para os que atopar solucións conxuntas.
Participación nas mesas sectoriais
Así mesmo, a Deputación de Ourense participa de forma activa nas mesas sectoriais que se celebran ao longo desta xornada, coa intervención da xerente do Inorde, Emma González na mesa de traballo centrada no sector agroalimentario, vitivinícola e gastronómico; e da do director da Área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira, na mesa que abordará o sector termal e turismo interior.
Pola tarde, o deputado de Innovación, Jorge Pumar, formará parte do xurado e participará na clausura deste acto que tamén terá lugar na sede da CEO.
O evento, organizado pola Confederación Empresarial de Ourense (CEO), co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración da Deputación de Ourense, reúne a emprendedores, investidores, mentores e profesionais de diversos sectores para fomentar a colaboración, o intercambio de ideas e o crecemento das iniciativas provinciais.