O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, participou hoxe en Trives na inauguración desta xornada, a última da Capitalidade da Montaña 2024, desexando que dela “saian iniciativas que evolucionen ata converterse en leis que protexan e potencien os municipios de montaña de toda España”
O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, participou hoxe en A Pobra de Trives na inauguración do VIII Congreso de EsMontañas que, baixo o título “Claves para manter vivos os pobos de montaña”, centrarase desde hoxe e ata o 21 de setembro na lexislación e no desenvolvemento rural intelixente, “ambas cuestións como liñas mestras para trazar o futuro dos pobos de montaña, non só desta provincia senón de toda España”, reivindicou Rosendo Fernández.
Na súa intervención, o deputado de Representación Institucional lembrou que durante este ano a provincia de Ourense tivo a “honra de ostentar, por primeira vez na historia, o título de “Capital Española das Montañas”, concretamente en catro concellos da provincia que comparten esta capitalidade: Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Trives e San Xoán de Río, convertidos no altofalante dos municipios de montaña de Galicia e amosando o compromiso coa preservación ambiental, coa loita contra o despoboamento rural e o progreso social e económico”.
Neste sentido, Rosendo Fernández destacou a importancia de ostentar este título afirmando que contribúe a “engrandecer o potencial destes municipios” e que culmina con este congreso do que “confiamos que saian iniciativas que evolucionen ata converterse en leis que blinden, protexan, promocionen e potencien os municipios de montaña de toda España”.
Trátase da última das xornadas da Capitalidade da Montaña 2024 que organiza a Asociación Española de Municipios de Montaña co apoio da Deputación de Ourense e que se celebrará en Trives e tamén en San Xoán de Río. A clausura terá lugar o sábado, 21 de setembro, coa participación do presidente provincial, Luis Menor.
O Congreso reunirá novamente a persoas coñecedoras da realidade e das necesidades dos pobos de montaña para debater acerca de temas tan cruciais para estes territorios como son lexislación, políticas contra o despoboamento, futuro e igualdade, servizos ou innovación, entre outras cuestións.