— Avalían a posibilidade de solicitar ao Executivo central a implementación dalgunha medida transitoria que permita intervencións puntuais de control naquelas contornas que rexistren un elevado volume de ataques e danos
— Estudarán posibles fórmulas para incluír os danos causados polo lobo aos cans coidadores de gando na nova convocatoria de axudas prevista para o vindeiro ano
A Xunta de Galicia insta ao sector gandeiro a trasladar as súas reivindicacións pola situación do lobo ao Goberno central para exixir unha solución definitiva que garanta o equilibrio entre a conservación desta especie e a actividade gandeira.
Durante unha reunión que mantivo esta mañá con representantes dos sindicatos agrarios, a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, animounos a detallar ante o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico as perdas que sofren polos ataques do lobo e a necesidade de adoptar medidas para mitigar esa situación.
Deste xeito, ante o alto número de avisos rexistrados e os datos do censo elaborado pola Xunta que estima que a poboación de lobo ibérico se mantén estable na Comunidade con arredor de 93 mandas, coincidiron na necesidade de revisar o nivel de protección do lobo e de adaptalo á realidade actual da Comunidade. Así, a directora xeral insistiu na necesidade de reclamar ao Ministerio que rectifique a súa decisión de incluír o lobo no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (LESRPE) dado que o seu estado de conservación en Galicia non é desfavorable.
Nesa liña, durante a reunión avaliouse a posibilidade de solicitar ao Goberno a implementación dalgunha medida transitoria que permita intervencións puntuais de control naquelas contornas que rexistren un elevado volume de ataques e danos.
A maiores, a Xunta e o sector gandeiro acordaron estudar posibles fórmulas para incluír os danos causados polo lobo aos cans coidadores de gando na nova convocatoria de axudas prevista para o vindeiro ano.
Nese senso, a directora xeral lembrou que este ano o Goberno galego publicou distintas liñas de axudas por importe de 2,5 M€ para compensar os danos do lobo ou adoptar diferentes medidas de prevención. De feito, só no período 2016-2024 a Xunta destinou con fondos propios preto de 11 M€ a esta cuestión e ten o compromiso de manter e mesmo reforzar estes apoios no futuro, con independencia do financiamento que se poida recibir por parte do Ministerio.
Pola contra, o Goberno central mantén unha actitude errática nesta materia e, por exemplo, informou este mesmo mes da transferencia dos 4 M€ que lle corresponden a Galicia segundo o reparto acordado na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente celebrada o pasado mes de xullo. Con todo, Marisol Díaz lamentou que ese pagamento se faga efectivo no último trimestre do ano porque, aínda que poidan ser imputables ao 1 de xaneiro, dificultan a planificación da súa xestión.
Ademais, cómpre lembrar que o Executivo central aínda non transferiu a Galicia os fondos pendentes de 2022 e 2023, que sumarían un total de 8 millóns de euros. Hai dous anos o reparto foi inxusto coa Comunidade por non apoiar a estratexia nacional para a xestión e conservación do lobo, polo que a Xunta interpuxo un recurso contencioso-administrativo que aínda non se resolveu. En todo caso, o propio Goberno central deulle a razón á Xunta ao decidir a iniciativa propia transferir á nosa Comunidade os fondos correspondentes a 2024, sen que Galicia aprobara a referida Estratexia.