― O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe o espazo situado nas instalacións da subdirección do Instituto de Medicina Legal de Galicia na Coruña
― O obxectivo é garantirlles ás vítimas máis vulnerables un ambiente confortable e amable, no que se sintan cómodas e seguras na realización de dilixencias xudiciais
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Xustiza, José Tronchoni, visitou hoxe a sala Gesell situada nas instalacións da subdirección do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) na Coruña, que acaba de ser reformada no marco da aposta da Xunta por impulsar unha xustiza próxima e empática coa cidadanía.
No acto participou tamén a directora do Imelga, Noemí Morte, quen explicou as melloras feitas. Este espazo habitual nas sedes xudiciais foi ideado polo pediatra e psicólogo Arnold Gesell para ofrecerlles aos menores unha sala na que sentirse seguros e cómodos á hora de prestar declaración ou someterse a probas.
Así, co obxectivo de evitar a revitimización das vítimas máis vulnerables, como é o caso dos menores, na sala Gesell da Coruña realizáronse melloras tecnolóxicas que permiten ofrecer un espazo confortable e amable para practicar as dilixencias xudiciais. A medida facilita o labor dos profesionais do Imelga ao tempo que garante a preservación dos dereitos dos pacientes.
Concretamente, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), mellorouse o acondicionamento acústico, a configuración dos auriculares e o sistema de vídeo e gravación. Tamén se incorporou unha segunda cámara e cambiáronse os micrófonos por dous de tipo botón, menos invasivos.
Modelo para outras salas
Segundo sinalou o conselleiro de Xustiza, a reforma efectuada facilita o uso da sala por parte dos profesionais e mellora a calidade das gravacións, polo que se vai trasladar este modelo ás outras salas Gesell existentes en Galicia. Xa se está a facer nas de Santiago de Compostela e de Pontevedra, e está previsto tamén nas de Lugo, Ourense e Vigo.
A medida representa un paso máis na aposta da Xunta por unha xustiza máis accesible, áxil, eficiente e dixitalizada. Neste marco de acción, o Goberno galego está a impulsar tamén infraestruturas modernas e sostibles, así como unha maior proxección social do ámbito xudicial.
Diego Calvo referiuse tamén aos orzamentos do seu departamento para 2025 en materia de xustiza, que contan con case 185 millóns de euros. Nesta liña, sinalou as importantes partidas para obras en edificios xudiciais, como a nova sede do Imelga en Santiago, o novo xulgado da Estrada ou as melloras de eficiencia enerxética en diferentes xulgados, e para a prestación do servizo de xustiza gratuíta, garantindo o dereito de toda a cidadanía a unha asistencia xurídica axeitada e consolidando Galicia entre as comunidades que mellor retribúe os profesionais por este labor.