● Baixo o lema “Elas somos todas” a xornada de relatorios busca concienciar e profundizar na abordaxe técnica e xurídica da violencia de xénero
No marco da programación organizada pola Concellería de Igualdade para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, O Porriño celebrará o próximo 29 de novembro unha xornada informativa titulada “A violencia machista: unha realidade social en pleno século XXI”. Este evento terá lugar a partir das 16:30 horas na Casa Consistorial (na Sala de Comunicación – Alcaldía) e contará coa participación de expertos en diversas áreas do eido técnico, xurídico e social.
A xornada que se enmarca baixo o lema deste ano “Elas somos todas”, ten como obxectivo sensibiliizar e ofrecer ferramentas para a prevención e erradicación da violencia de xénero , cun enfoque integral sobre os distintos mecanismos de actuación e protección dispoñibles. As ponencias, que serán impartidas por profesionais altamente cualificados, abordarán aspectos clave sobre a violencia machista.
O evento contará con diversas intervencións. Roberto Barba Alvedro, Director Xeral da loita contra a violencia de xénero da Xunta de Galicia, abordará “As políticas de igualdade en aras á prevención e erradicación da violencia machista. O papel dos CIM neste eido”. Ángel Arjona Bernáldez, fiscal da Fiscalía provincial de Pontevedra, falará sobre “O tratamento xurídico da violencia de xénero. A orde de protección. A dispensa a propósito da Lei Orgánica 8/2021 do 4 de xuño”. Tania González Iglesias, policía local do Porriño adscrita ao sistema Vioxén, presentará “O sistema Vioxén, desde a Policía Local”. Finalmente, Ana Isabel García García, responsable da Asociación Amardragoste, dedicada á atención de mulleres vítimas de trata ou explotación sexual, falará sobre as “Funcións desde a asociación contra a violencia machista”.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Igualdade, Carolina González, exercerán de moderadores. Este evento pretende ser un punto de encontro entre profesionais e veciñanza para compartir coñecementos, experiencias e reflexións sobre como seguir avanzando na loita conta a violencia machista, concienciando á cidadanía da necesidade dun compromiso colectivo e institucional na erradicación desta lacra social.
A xornada está aberta ao público de maneira gratuíta e desde o Concello do Porriño convidan á veciñanza a participar activamente deste espazo de reflexión e información.