Co gallo das obras de Santa Cristina o Concello quere eliminar os contentores soterrados porque “os cidadáns son totalmente irrespectuosos con ese tipo de colectores. A gran maioría non mete o lixo neles alegando que non collen as bolsas nas bocas dos contentores. Si collen, pero non se poden levar unhas bolsas inmensas”, “e os principais infractores son os hostaleiros, deixando fóra as bolsas e sen meter tampouco o vidro”, afirma o Alcalde de Oleiros.
Dende o BNG queremos saber se dende o Concello se adoptaron as medidas oportunas para concienciar, educar e informar a cidadanía sobre este tipo de contentores e no seu caso sancionar os infractores, como no caso deses hostaleiros que se afirma que nin meten o vidro e o deixan na rúa, tamén gostaríamos saber do gasto que vai supor para as arcas públicas a substitución deste sistema por outro. A estes efectos perguntaremos no pleno ordinario de novembro.
Ademais, o noso portavoz municipal fará varias preguntas sobre temas que afectan á cidadanía, entre elas:
Estudos de necesidades de transporte público perante as novas urbanizacións?
A mobilización cidadá perante a desfeita producida após o 23 de xuño no transporte público metropolitano concienciou a determinados Gobernos locais na demanda de mais e mellores servizos de transporte que o BNG comarcal xa viña demandando durante lustros na súa loita por unha verdadeira mobilidade aínda tan lonxe. No caso do Concello de Oleiros estamos a ver a inminente construción de mais vivendas, sirva como exemplo as 290 previstas na nova Icaria. Pedimos ao Concello que teña en conta estas novas e inminentes necesidades de transporte público provocadas polo incremento poboacional. Mais cando sabemos como funciona a Xunta que deixou de convocar os encontros semestrais que non teñen lugar dende o 2020, por certo algunha responsabilidade terán os Concellos cando non se demandaba a convocatoria destes preceptivos encontros.
Exclusión da exposición sobre muralismo en Oleiros da obra pioneira e senlleira “27 arroaces e unha estrela”, necesitada dunha preservación inminente
Ficou instalada en Santa Cristina a exposición sobre parte do muralismo en Oleiros que serve para repasar a evolución do “Expresa Oleiros Urban Fest”, a convocatoria que cada ano suma tres obras deste xénero urbano noutros tantos lugares do municipio. O contido da exposición inclúen referencias biográficas e artísticas das e dos creativos, así como a localización de cada mural, para que quen o desexe poida contemplalo en directo.
O BNG levou recentemente ao Parlamento español a necesaria conservación do primeiro mural/mosaico de Oleiros (1992) titulado “27 arroaces e unha estrela” do creador de renome e talla internacional Xabier Correa Corredoira. Este mural áchase a escasos metros da exposición. Por máis que non pertenza ao “Expresa Oleiros Urban Fest”, perguntaremos ao Concello se non considera o Concello que este pioneiro e senlleiro mural oleirense merecía ter sido incluído na devandita exposición.
No BNG entendemos que si e máis cando este mosaico/mural precisa dunha merecida posta en valor e recoñecemento como patrimonio colectivo oleirense que é, alén dunha perentoria e axeitada conservación.
Veciñas sen liña telefónica en Vilanova (NÓS)
Na estrada á altura da churrascaría “La pequeña Vilanova” en Vilanova, freguesía de Nós, a semana pasada un camión derrubou un cable telefónico que ficou na estrada até ser retirado. O último que sabemos é que a veciñanza seguía sen liña telefónica. Queremos saber que nos pode dicir o Concello deste accidente e situación.
Esvaradizo e perigoso solo de madeira na sauna masculina de Dorneda
Hai xa máis dun ano que se retirou o solo de madeira da sauna masculina de Arillo. Existen queixas unánimes polos usuarios da mesma xa que se producen de caídas e esvaróns xa que o chan está mollado por razóns obvias. Pediremos ao Concello que coloque un soporte de madeira para evitar posíbeis accidentes.