• ADEMAIS DO APOIO CORPORATIVO, UN EQUIPO DO SALÓN TURÍSTICO DE GALICIA ESTÁ PRESENTE NESTA CITA, Á QUE ASISTEN MÁIS DE 250 PROFESIONAIS DO SECTOR DE ESPAÑA E PORTUGAL
• ORGANIZADO POLA ASOCIACIÓN IBÉRICA DE TURISMO DE INTERIOR, INCLÚE RELATORIOS DE EXPERTOS DE PAÍSES COMO ESPAÑA, PORTUGAL, POLONIA, AZERBAIXÁN, EXIPTO, GUINEA ECUATORIAL, IRÁN, MÉXICO OU PERÚ
O Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, está presente estes días como entidade colaboradora no I Congreso Mundial de Turismo de Interior, o cal se celebra dende onte e ata mañá en Cáceres.
Ademais do apoio corporativo, un equipo de Turexpo Galicia está presente nesta cita, organizada pola Asociación Ibérica de Turismo de Interior (AITI) e cuxos relatorios imparten expertos de países de todo o mundo, como España, Portugal, Polonia, Acerbaixán, Exipto, Guinea Ecuatorial, Irán, México ou Perú.
Son máis de 250 profesionais do sector turístico de España e Portugal os que asisten ao Congreso, que ten como obxectivo analizar actualidade e perspectivas do turismo de interior, avaliar áreas de interese, expor accións turísticas encamiñadas a contribuír ao desenvolvemento social e económico do territorio interior e facilitar a cooperación entre os diferentes axentes implicados neste.
Uns propósitos para os que o Congreso suma aos seus relatorios dúas áreas, unha de exposición orientada a que os destinos de interior poidan presentar a súa oferta e outra de networking para realizar contactos, colaboracións e contratacións.
Interesantes relatorios
A xornada de onte do Congreso contou con catro bloques temáticos, centrados en “Beira Baixa e Estremadura, cal é o futuro do turismo?”, “Casos de éxito de turismo de interior”, “Recursos e xentes do turismo de Interior” e “Turismo relixioso e espiritualidade”.
Xa hoxe o Congreso comezou coa pregunta “O interior é un destino?”, para continuar debullando a liberalización do transporte de pasaxeiros para mellorar a mobilidade turística, a mobilidade e turismo de interior e tamén “Sustentabilidade e turismo despois de 2030”. Ademais, esta tarde os operadores de turismo convidados realizarán un fam trip, do mesmo xeito que mañá, cando o programa estará centrado nesta actividade e levará aos operadores turísticos a enclaves de Estremadura e a Beira Baixa portuguesa, como Cáceres, Trujillo, Malpartida e Monsanto.
Turexpo Galicia 2025
O Salón Turístico de Galicia celebrará a súa 14ª edición do 5 ao 8 de xuño de 2025, no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda – Pontevedra) e enmarcada na 47ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia.
O certame, que conta co apoio da Xunta a través da Axencia Turismo de Galicia, prepárase para ser un efectivo espazo de colaboración, intercambio e negocio, á vez que conformará un atractivo escaparate de propostas e destinos para o público final.
Á súa proposta expositiva e de actividades, volverá sumar a vistosa Feira de Festas de Interese Turístico (Festur) e a súa recoñecida Bolsa de Contratación Turística, cun importante número de operadores e máis países emisores de turismo para multiplicar as posibilidades de negocio.