O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, inaugurou a mostra coa que se conmemora XV aniversario da Torre de Hércules como Patrimonio Mundial
Estará aberta ao público na Sala de Exposicións Salvador de Madariaga ate o próximo 15 de decembro
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, inaugurou a nova mostra da Sociedade Filatélica da Coruña que nesta edición se centra na Torre de Hércules. Enmárcase na conmemoración do seu XV aniversario como Patrimonio Mundial declarada polo UNESCO.
Castro destacou a relevancia da exposición e do traballo realizado pola Sociedade Filatélica: “A declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade puxo en valor non só o noso monumento, senón tamén a capacidade de unión de todas as coruñesas e coruñeses, xa que este foi un logro conxunto de toda a cidadanía.”
A exposición reúne coleccións filatélicas de toda España que non só celebran a Torre de Hércules, senón tamén outros faros e monumentos icónicos. Castro subliñou a importancia da filatelia como vehículo cultural: “A filatelia, como arte e como ferramenta para contar historias, convértese unha vez máis nun medio perfecto para lembrar e transmitir a relevancia destes fitos históricos. Cada selo, cada colección, é un reflexo do pasado que nos inspira no presente e nos proxecta cara o futuro.”
O evento pecha un ano dedicado á Torre de Hércules, protagonista de diversas actividades programadas polo Goberno de Inés Rey para a súa conmemoración, con eventos culturais e deportivos. “Este é o peche perfecto para un ano cheo de celebracións que destacaron o inmenso orgullo que sentimos pola nosa Torre”, engadiu Castro.
Gonzalo Castro e José Luis Rey, presidente da entidade, cularon un sobre conmemorativo e presentaron unha tarxeta especial cos data do evento. A mostra estará aberta ao público ate o 15 de decembro, con entrada de balde ate completar capacidade.