– 8 agrupacións: 4 mosenses, 3 do Porriño e 1 de Tui, participarán no certame rondalleiro do 22 de decembro pola tarde no Pazo de Mos
– A papanoelada moteira, que sairá e rematará en Puxeiros, contará cunha actividade para familias a cargo de Barafunda Animación: Globotolo
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura mosense, Sara Cebreiro, convidaron hoxe a participar do gran domingo navideño que a localidade mosense celebrará este vindeiro 22 de decembro, con papanoelada moteira en sesión matinal, e o tradicional Certame de Rondallas en horario vespertino.
Ás 10.30h da mañá dará saída a papanoelada moteira (con avituallamento gratis para os participantes e caramelos para a cativada) da Avenida de Puxeiros, e rematará no mesmo lugar cunha actividade para familias a cargo de Barafunda Animación: Globotolo, ás 12.30h; e ás 17h da tarde terá lugar o Certame de Rondallas no Pazo de Mos.
No tradicional certame rondalleiro mosense participarán un total de 8 agrupacións: 4 de Mos, 3 de Porriño e 1 de Tui. As de Mos son a Rondalla de Guizán, Rondalla de Herville, Rondalla de Torroso e Rondalla de Santa Eulalia de Mos. As de Porriño son a Rondalla de Santa María de O Porriño, Rondalla de Pontellas e Rondalla de Atios. E a tudense é a Rondalla Pexegueiro de Tui.
A rexedora local mosense, Nidia Arévalo, destacou neste senso “a importancia da tradición rondalleira no sur da provincia de Pontevedra en xeral e no municipio de Mos en particular, de ahí que sexa vital coidala, preservala, protexela e fomentala”, declarou. E salientou “o papel dos rondalleiros e rondalleiras, que traballan todo o ano para dar o mellor de sí nestas datas e incluso deixan a súa vida persoal e aos seus seres queridos nun segundo plano para alegrarnos a todos as festas”. Agradeceu “o seu labor, o seu bo facer, e que enchan de ledicia, espectáculo e boa música cada Nadal en Mos”.