2024 péchase como o ano da “sangría económica e da maior presión fiscal” consecuencia da política de cemento de Telmo Matín

adminON
Lectura mínima de 5

O BNG lembra que nos últimos 12 meses o Goberno local do PP incrementou a débeda municipal ata niveles non vistos desde hai máis dunha década, ademais de aplicar subas en impostos como o IBI e a ‘viñeta’ de vehículos, sen esquecer a nova ordenanza de vados que busca unha maior recadación 

Os nacionalistas instan a Martín a que aclare que servizos, proxectos e obras se van ver condicionadas polo pago da sentenza da finca das Cunchas, toda vez que boa parte deses 13 millóns de euros serán asumidos con fondos propios 

O grupo municipal do Bloque  Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo define 2024 como un ano que  será lembrado por ser un dos máis duros para a veciñanza, con subas de  presión fiscal, máis impostos e servizos máis deficitarios, como  consecuencia da política de formigón e da incapacidade de xestión de  Telmo Martín. Tal e como lembra a formación nacionalista, neste ano  que está a piques de rematar o afán recadatorio do Partido Popular  avocou á veciñanza a ter que facer fronte a impostos máis elevados,  como é o caso do Imposto de Bens Inmobles (IBI). Este recibo  experimentou un incremento notable, que en moitos recibos tradúcese  nun aumento de máis do 20%, ao que hai que engadir a suma  experimentada tamén no imposto de Vehículos de Tracción Mecánica  (IVTM). Este incremento fíxose efectivo neste 2024 e foi aprobado a  finais de 2023, apenas uns meses despois de que o alcalde prometese  unha baixada de taxas na campaña electoral. “O señor Martín só  precisou unhas semanas para deixar claro que a súa palabra non ten  ningún tipo de valor”, denuncia o voceiro do Bloque, Fran Leiro.

A este suba de impostos hai que engadir a nova ordenanza de vados  impulsada polo Goberno municipal do PP, co único propósito de recadar  máis cartos. Recorda o BNG que “é un documento que non soluciona  ningunha das eivas que presenta a normativa anterior e que unicamente  define claramente os custes aos que van ter que facer fronte as persoas  que teñan que acceder á súa propiedad co seus vehículos”, sinalan  desde o grupo da oposición. En definitva, unha medida que sirve para  recadar máis cartos, “que boa falta fan para poder pagar os elevados  sueldos do señor Telmo Martín e dos integrantes do Goberno, unhas  nóminas que tamén se incrementaron neste mandato”, puntualizan os  nacionalistas. A sangría económica tamén se produce co incremento das  cotas da piscina municipal, que non se traduce na mellora das  instalacións. 

Pero, sen lugar a dúbidas, este nefasto 2024 será lembrado como o ano  no que Telmo Martín levou ao Concello a ter que facer fronte a unha das  sentenzas xudiciais máis prexudiciais da súa historia. Sentenzas  millonarias, que, como recordan desde o BNG, “son resultado da política  de cemento e formigón do señor Martín”. Trátase da resolución que  obriga á Administración local a pagar 13 millóns de euros aos  propietarios da finca das Cunchas. Unha contía que “de contar cun  alcalde con menos orgullo e máis capacidade de negociación” tería sido  moito máis reducida. “Estamos a falar de millóns de euros que se perden  e que se poderían ter investido en actuacións e obras de calado”, sinala  Fran Leiro. O voceiro recorda as consecuencias deste pago millonario: o  incremento da débeda municipal ata índices que Sanxenxo non vivía  desde hai máis dunha década e o recorte de investimentos a servizos e  obras municipais. Neste sentido, o BNG lembra que parte deses 13  millóns pagaranse con fondos propios, polo que os nacionalistas instan a  Telmo Martín a que “actúe con transparencia” e aclare que obras,  proxectos ou prestacións se van ver afectadas. 

Ademais de todo isto, actualmente o Concello está a pagar 300 euros  diarios polo incumprimento da sentenza xudicial que esixe que o Servizo  Municipal de Emerxencias conte cun mínimo de 3 profesionais de garda. 

A pésima xestión de Telmo Martín con este corpo de seguridade afecta  tamén ás arcas municipais, pero, sobre todo, limita as garantías de  seguridade nun servizo imprescindible, que salva vidas. En definitiva, o  Bloque lamenta que “pechamos un ano que foi sinónimo de sangría  económica para a veciñanza, con cada vez menos servizos e máis  presión fiscal por mor da política de formigón do alcalde”.

Comparte este artigo