A entrega terá lugar o próximo luns, 30 de decembro, ás 20 h no Teatro Municipal
O Teatro Municipal de Tui acollerá o próximo luns, 30 de decembro, ás 20 h o acto de entrega da Mención Honorífica Especial do Concello de Tui ao músico Adolfo Besada Álvarez. A concesión desta distinción foi aprobada en pleno por unanimidade, recoñecendo a súa dedicación ao mundo da música especialmente no referente á Escola Municipal de Música e Conservatorio Profesional do Concello de Tui, así como ao seu papel como director da Banda de Música Popular de Tui e en numerosas iniciativas en Galicia e no Norte de Portugal na educación e na promoción da música.
A Banda de Música Popular de Tui súmase a este acto de recoñecemento a quen foi o seu promotor e director ao longo de moitos anos, polo que preparou preparou algún agasallo e interpretará diversas pezas ao longo do evento. A entrada é libre.
Adolfo Besada Álvarez naceu o 24 de Xaneiro de 1954 en Baldráns (Tui). Comezou os seus estudos musicais co seu pai, quen era subdirector da Banda de Música Municipal de Tui. Aos 10 anos ingresou na banda e dous anos máis tarde, xa participa tocando o frautín. Posteriormente, pasou ao outro instrumento, o bombardino. No ano 1982 comezou os seus estudos no Conservatorio Superior de Música de Vigo, nas especialidades de trombón e tuba, onde obtivo o título de profesor. Máis tarde, cursou estudos superiores no Conservatorio Superior de Música de Santiago de Compostela. Ao mesmo tempo, realizou cursos de especialización en trombón, tuba, dirección coral, acústica e técnica Alexander.
Tras obter o título de profesor e completar os seus estudos en Santiago, fundou en 1992 a Escola de Música de Tui, que serviu de base para que tres anos despois se creara o Conservatorio Profesional de Música tudense.
Desde 1992, foi profesor no Conservatorio de Música de Tui, onde ocupou o cargo de director desde 1995 ata a súa xubilación no ano 2015. Paralelamente, continuou o seu labor docente noutros centros de ensino musical.
Foi tamén un dos promotores da creación en 1980 da Banda de Música Popular de Tui, herdeira da antiga banda municipal tudense fundada en 1881. Posteriormente ocupou a dirección desta banda dende o ano 2002 ata o 2018.
Entre os anos 2000 a 2008, presidiu Federación Galega de Bandas de Música Populares, onde destacou polo importante traballo realizado durante o seu mandato, incluíndo un notable aumento no número de bandas federadas.
Adolfo Besada non só se centrou no fomento da música en Tui, senón que tamén impulsou esta actividade noutras localidades próximas. En 2004, a través da Asociación Pai Rosendo Salvado (Asociación da Escola de Música de Tui) asesorou e impartiu clases de música en colexios de Salvaterra, co obxectivo de crear unha escola de música e un banda na localidade, co apoio do concello. Foi promotor e fundador de escolas de música como Guláns, Baiona, Salvaterra e Tangil (Portugal), ademais de formar o grupo de vento-metal “Metais Faíscas” ou do trío “Nova Nursia”. Colaborou coa Nova Orquestra de Galicia, a Orquestra Clásica de Vigo e diversas bandas de música da contorna (Banda de Guláns, Cabral, Cangas, Xinzo, Bandeira, Silleda, O Rosal, Salceda e Porriño), así como con bandas portuguesas (Tangil, Monçao e Arcos de Valdevez).