— O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes visitou Malpica de Bergantiños para comprobar as obras realizadas no marco desta medida, que impulsou en 2024 máis dun cento de proxectos en toda Galicia
— A publicación da convocatoria deste ano no Diario Oficial de Galicia prevese para o martes 28 de xaneiro
— As achegas van dirixidas a concellos de menos de 30.000 habitantes e poden cubrir ata o 80% do orzamento total da actuación
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe Malpica de Bergantiños para comprobar as melloras executadas no centro cívico co apoio da Xunta. A través da orde de infraestruturas de uso público, o Goberno galego destinou máis de 32.000 euros á rehabilitación e modernización destas instalacións, que acollen un auditorio cunha elevada actividade cultural.
Con motivo desta visita, Diego Calvo avanzou que a próxima semana, o martes 28, se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova convocatoria desta liña de apoio aos concellos, dotada con 3,5 millóns de euros. Segundo sinalou, trátase dunha medida enmarcada no compromiso da Xunta co eido local, especialmente cos municipios de menor poboación, xa que está destinada a localidades de menos de 30.000 habitantes. “Buscamos así garantir o equilibrio territorial e que a poboación galega teñan unhas óptimas condicións de vida con independencia do seu lugar de residencia”, apuntou.
As achegas concedidas a través desta orde poden cubrir ata o 80% do gasto de creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.
Así, a convocatoria inclúe actuacións nas redes de alumeado público; a pavimentación de camiños públicos municipais; e as obras en prazas, parques, paseos e rúas. A estas engádense a creación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinadas á prestación de servizos municipais, así como a mellora da súa accesibilidade ou a dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.
O pasado ano esta medida permitiu impulsar 107 proxectos municipais en toda Galicia, 28 deles na provincia da Coruña. As meirande parte do cento de traballos realizados centráronse na mellora de parques infantís, con 46, seguidos de obras en edificios ou dependencias municipais e de pavimentación de camiños, con 26 en cada un dos casos.
Os concellos que, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións de concellos, desexen acollerse á orde deberán presentar as solicitudes por medios electrónicos desde o formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) a partir do día seguinte á publicación no DOG.
Melloras en Malpica de Bergantiños
No caso de Malpica de Bergantiños, as melloras centráronse no centro cívico municipal coa reforma de diversos elementos do escenario, a incorporación de aseos e duchas aos camerinos e a substitución dos proxectores led para impulsar o aforro enerxético. A maiores desta actuación, en 2024 o concello malpicán contou tamén co apoio da Xunta a través do Fondo de Compensación Ambiental para a reparación de danos na área da recreativa da praia de Beo e na instalación de equipos de aire acondicionado na estación depuradora de augas residuais, con achegas que suman máis de 40.000 euros. O conxunto das medidas de apoio da Xunta aos concellos supuxo en Malpica nos últimos anos un investimento superior ao millón de euros.
Diego Calvo lembrou que, a maiores da orde de infraestruturas de uso público, o Goberno galego abre cada ano diversas liñas específicas para os concellos, como o Fondo de Compensación Ambiental e o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, ás que se sumou o pasado exercicio a orde plurianual para melloras de eficiencia enerxética cofinanciada con fondos Feder. O conxunto delas supuxo en 2024 un investimento de 32 millóns de euros para impulsar preto de 700 proxectos municipais en todo o territorio galego.