O Concello de Ourense e a empresa concesionaria Avanza introducen cambios en servizos para mellorar a calidade e a puntualidade de dúas das principais liñas de autobuses urbanos.
Desde o vindeiro luns, 24 de febreiro, as liñas 14: O Viso-O Cumial, e 22: Cudeiro-Rairo, reducirán os seus percorridos e transformaranse nas novas liñas 14A: O Viso – Mariñamansa e 14B: O Cumial – Parque da Ponte; e 22A: Cudeiro – Ramón Puga (Residencia), e 22B Rairo – Parque da Ponte, respectivamente. Con estes cambios, preténdese mellorar o servizo que prestan, aumentando a fiabilidade e a puntualidade, que son as principais demandas das persoas que utilizan os autobuses urbanos.
As novas liñas funcionarán de luns a venres os días laborables. Os sábados, domingos e festivos, cando os problemas de regularidade do servizo son menores, continuarán vixentes sen cambios as actuais liñas 14 e 22.
Os horarios de saída de cabeceiras seguirán sendo os actuais os 7 días da semana. Pódense consultar na páina web https://ourense.avanzagrupo.com/gl/ Tamén se actualizará a información progresivamente nos postes e marquesiñas.