O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, mantivo hoxe un encontro en Madrid co embaixador de China en España, Yao Jing, co obxectivo de fortalecer as relacións bilaterais e explorar oportunidades de colaboración e investimento na rexión.
Durante a reunión, celebrada na Embaixada de China, ambas as autoridades intercambiaron impresións e manifestaron a súa máxima disposición para establecer sinerxias que beneficien a ambos os territorios. O alcalde Pérez Jácome destacou as potencialidades de Ourense en sectores crave como a agroindustria, con empresas destacadas como Coren; o sector téxtil de alta gama; a industria da automoción; o potencial agropecuario; a geotermia e o termalismo.
Esta iniciativa enmárcase na estratexia do Concello de Ourense para atraer investimentos estranxeiros e promover o desenvolvemento económico da cidade, posicionándoa como un destino atractivo para empresas e investidores internacionais.
O alcalde Pérez Jácome subliñou a importancia de establecer lazos de cooperación con China, considerando o crecemento económico e a proxección internacional do país asiático. Así mesmo, expresou a súa confianza en que este encontro sexa o punto de partida para futuras colaboracións que impulsen o progreso e benestar da comunidade ourensá.
Pola súa banda, o embaixador Yao Jing valorou positivamente a reunión e mostrou interese nas oportunidades que ofrece Ourense, comprometéndose a facilitar o achegamento entre empresarios chineses e a rexión galega para explorar proxectos conxuntos nos sectores mencionados.
Este encontro reforza o compromiso do Concello de Ourense no seu labor de promoción exterior e procura de alianzas estratéxicas que contribúan ao crecemento sostible e á xeración de emprego na cidade.