- Un investimento de máis de 340.000 euros fará posible a reparación das infraestruturas afectadas en Gulpilleira.
- O Concello traballa para alcanzar un convenio co Ministerio de Fomento que permita cofinanciar a actuación.
O Pleno do Concello do Porriño aprobou a concesión dun crédito extraordinario, financiado con Remanente Líquido de Tesourería, para afrontar diversos investimentos urxentes, entre os que destaca a execución da obra de Renovación das redes de saneamento nos viais do lugar de Gulpilleira pola escorrentía de augas pluviais da A-52, cun importe de adxudicación de 327.943,81 euros, máis 16.846,81 euros destinados á dirección de obra e á coordinación de seguridade e saúde. O punto foi aprobado cos votos a favor do Partido Popular, mentres que BNG e PSOE manifestaron a súa oposición á aprobación.
Esta actuación foi declarada de emerxencia mediante Decreto da Alcaldía, debido ao grave deterioro do firme viario e á inclinación dos peches das propiedades, poñendo en risco a seguridade de viandantes, peóns e condutores. A situación agravouse tras os últimos temporais, xerando un escenario de alto perigo, tal e como sinalaron os informes dos técnicos municipais.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “a situación na Gulpilleira é insostible e non podemos seguir agardando polo Ministerio. A protección dos nosos veciños está por riba de calquera outra consideración. O Concello actúa con responsabilidade, e tanto os nosos técnicos como a Deputación de Pontevedra sinalan que a tubaxe existente resulta insuficiente para recoller e desaugar os caudais procedentes da drenaxe transversal da A-52, o que provoca problemas de acumulación e deterioro no lugar. Estamos en contacto co Ministerio para lograr un convenio que permita que Fomento asuma parte dos custes desta intervención tan necesaria”.
Pola súa parte, o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, subliñou que “esta escorrentía foi causada pola propia construción da A-52 sen prever un sistema de drenaxe adecuado. Agora, décadas despois, somos nós quen temos que poñer solución a un problema que, por xustiza, debería resolver o Ministerio. Iso si, ante o perigo actual, o Concello ten que actuar de forma inmediata para garantir a seguridade cidadá”.
O proxecto contempla ademais a renovación completa das redes de saneamento, abastecemento, pluviais, así como a reposición dos pavimentos e renovación da iluminación pública e canalizacións de telecomunicacións. As obras, que afectarán a viais de titularidade municipal como a rúa Gulpilleira, Antonio Palacios e Fernández Areal, terán un prazo estimado de execución de seis meses.
A día de hoxe, o Concello atópase á espera da emisión dos informes sectoriais correspondentes por parte do Ministerio de Fomento para poder iniciar as obras, comprometéndose a seguir traballando para que se concrete o convenio de colaboración.
Con esta actuación, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa seguridade cidadá e a mellora das infraestruturas municipais.