A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, representada polas figuras de Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira Santos, de Muxía; e Manuela Lema, Teresa García Prieto, Prudencia Garrido Ameixenda e Asunción Garrido Ameixenda, estas catro integrantes das Pandeireteiras de Mens (Malpica).
En homenaxe a todas estas cantareiras, o Concello organiza para o sábado 17 de maio, ás 11:30 horas, o Festival A Ruada das Nosas Pandereteiras, no Auditorio de Torroso, e como acto central, ás 19:00 horas, celebrarase o concerto do grupo de cantareiras mosenses Arume, no exterior do Pazo de Mos.
O domingo 18, ás 17:00 horas, terá lugar o espectáculo de monicreques Os Contos do Lobicán, tamén no exterior do Pazo de Mos, dirixido ao público familiar.
Os Contos do Lobicán é un espectáculo musical de monicreques, en verso, áxil e atrevido, destinado a nenos e nenas de entre 3 e 10 anos. A proposta dá unha volta aos contos clásicos ao tempo que transmite unha mensaxe educativa e valores universais como a amizade, a cooperación, o respecto pola natureza, o pensamento crítico e a importancia da imaxinación.
O marabilloso texto de Eva Mejuto foi gañador do XV Premio Barriga Verde 2022 e do Premio ao Mellor Espectáculo de Monicreques nos XXIX Premios de Teatro María Casares. O espectáculo está inspirado no atractivo mundo de Wes Anderson, onde as cores, a escenografía, o vestiario e a música contribúen á transmisión dos valores citados. A través da riqueza narrativa e dos seus entrañables personaxes, a función convida a reflexionar sobre o mundo que nos rodea e a imaxinar novas posibilidades para un futuro máis inclusivo.
Os Contos do Lobicán é unha historia conmovedora que resalta a importancia da amizade, a aceptación da diferenza e o respecto pola natureza, deixando unha poderosa lección sobre o valor das relacións persoais e a protección do noso medio ambiente.
Tamén o domingo 18, ás 19:30 horas, e dirixido ao público adulto, haberá risas e diversión da man do grupo de teatro de Mulleres en Igualdade de Mos, que presentarán os seus monólogos no Círculo Cultural Abrente, co título Non me movas os marcos.
Esta actividade, organizada polo Concello de Mos a través da Concellería de Cultura e do CIM, enmárcase no programa do Día das Letras Galegas, promovendo ademais a sensibilización, información e difusión sobre a igualdade e a prevención da violencia de xénero en todas as súas programacións.
Esta programación foi presentada hoxe pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro; e integrantes do grupo Arume.
O broche final será o sábado 24 de maio, ás 12:00 horas, no Pazo de Mos, cunha actividade dirixida ao público familiar que porá en valor a figura do gran Castelao, baixo o título Un corazón á intemperie.