HomeXunta de GaliciaO programa MeteoEscolas da Xunta marca máximos este curso 24-20 coa participación...

O programa MeteoEscolas da Xunta marca máximos este curso 24-20 coa participación d máis de 10.300 escolares

- Anuncio -spot_img
  • A conselleira destaca que esta iniciativa, nacida no ano 2012, conta cunha gran aceptación pois leva tres edicións rexistrando o máximo de centros participantes, 42
  • Ángeles Vázquez salienta o carácter transversal e pioneiro de Mocidade polo Clima, a acción máis ampla na que se integra este proxecto e que aspira a formar, informar e animar á xente nova de entre 3 e 35 anos a actuar fronte a cambio climático
  • A responsable autonómica lembra a importancia de comprometerse con pequenos xestos do día a día que poden ser vitais para que Galicia cumpra o seu obxectivo de acadar a neutralidade climática no ano 2040

O programa de educación ambiental da Xunta MeteoEscolas rexistrou este curso 2024-2025 cifras récord de participación ao chegar a máis de 10.300 escolares e a arredor de 700 profesoras e profesores. Estes datos mostran a boa saúde dunha iniciativa que naceu no ano 2012 ao abeiro do Plan Proxecta da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e que agora pasou a formar parte do programa máis amplo Mocidade polo Clima.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo de relevo o éxito desta acción durante unha visita ao Centro de Educación Especial Infanta Elena de Monforte de Lemos, un dos 42 centros que participaron na edición do curso pasado de MeteoEscolas e un dos 24 seleccionados como MeteoEscolas Excelentes, aquelas que destacan polo seu bo facer no impulso da investigación sobre o clima e a meteoroloxía demostrando que a ciencia tamén se fai desde as aulas.

A responsable autonómica destacou o interese dos centros educativos por participar neste programa, o que provocou que nos últimos tres cursos acadase o máximo de centros participantes (42 entre Primaria, Secundaria e Educación Especial) e que algúns interesados tivesen que quedar fóra e espera a súa oportunidade en seguintes edicións.

Ángeles Vázquez lembrou que Mocidade polo Clima -paraugas no que se inclúe o programa MeteoEscolas- é unha iniciativa de carácter transversal e pioneira na comunidade coa que se aspira a formar, informar e animar á xente nova de entre 3 e 35 anos a actuar fronte ao cambio climático. Para facelo, é fundamental coñecer que factores inciden nos fenómenos meteorolóxicos e que accións inflúen ou aceleran o quecemento global, para o que é crucial actuar desde as escolas.

Nesta liña, a conselleira explicou que este tipo de proxectos buscan espertar conciencias e formar unha cidadanía comprometida co planeta que permita avanzar nos obxectivos da comunidade de acadar a neutralidade climática no ano 2040, dez anos antes do obxectivo marcado por Europa. Para logralo, incidiu, é vital contar coa participación da mocidade pois vai ter un papel determinante para que esa senda se manteña no futuro.

CEE Infanta Elena

O Centro de Educación Especial Infanta Elena de Monforte de Lemos participou o curso pasado (2023-2024) no programa MeteoEscolas e foi un dos 24 centros recoñecidos como MeteoEscolas Excelentes polo gran traballo desenvolvido para que o estudantado (un grupo de 24 alumnas e alumnos) aprendese distintas nocións sobre o clima e a meteoroloxía existentes na súa contorna.

A responsable autonómica agradeceu ao equipo docente deste centro educativo o seu labor diario e o compromiso coa protección do medio ambiente e lembrou que as pequenas accións son as que contribúen a acadar obxectivos maiores. De feito, animou a todo o mundo a comprometerse con xestos do día a día que semellan simples -como adoptar hábitos relacionados coa eficiencia enerxética como apagar os aparellos electrónicos cando non se usan ou facer unha adecuada xestión e separación dos residuos- para facer fronte ao quecemento global.

Publicacións Relacionadas