HomeO MorrazoBueuO pleno da corporación municipal aproba o expediente de contratación do pavillón...

O pleno da corporación municipal aproba o expediente de contratación do pavillón de Beluso e unha operación de crédito

- Anuncio -spot_img
  • Tamén saíu adiante, entre outras, a moción de Daniel Chapela sobre reprobación á Conselleira de Medio Ambiente e a convocatoria da Mesa por Ons

A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 2 de xuño, o pleno ordinario no que se estreou o horario de verán e se debateron un monte de asuntos estratéxicos para a vila de Bueu. A sesión arrancou ás 21 horas e estendeuse ata pouco antes da media noite nun salón de plenos cheo coa veciñanza da illa de Ons, dado que unha das mocións que se debateron foi a presentada polo edil non adscrito Daniel Chapela na que se solicitaba a reprobación da Conselleira de Medio Ambiente debido á mala actuación coa veciñanza da Illa ademais de reclamar a convocatoria urxente da Mesa por Ons.

A sesión iniciouse coa aprobación da declaración de caducidade do procedemento de resolución contractual e prescrición da acción con arquivo de actuacións fronte a Estrumaher SA e a modificación da finalidade do Patrimonio Público do Solo. Segundo explicou Félix Juncal, alcalde de vila, “trátase dun asunto que vén do 2005 e que experimentou diversas dificultades, estando parado dende o 2010” e “por fin podemos dicir que o contrato do traslado e restauración da antiga nave de Massó queda caducado e a acción entre as partes prescrita, liberando tamén ese crédito que nos permitirá dedicalo a outras accións”. A proposta aprobouse cos votos favorables do BNG, PSOE e do concelleiro non adscrito, mentres que o PP se manifestou en contra.

O seguinte asunto era a aprobación da concertación de operación de préstamo a longo prazo para o financiamento da achega municipal para a obra da reforma enerxética e rehabilitación integral do Pavillón Municipal de Beluso. Xosé Leal, voceiro do BNG e concelleiro de facenda, explicou que “estamos diante dun proxecto de vital importancia e estratéxico para Bueu”. O Concello conseguiu dúas subvencións da Deputación de Pontevedra para financiar máis da metade desta obra que ten un orzamento que supera o millón de euros. O que se aprobou onte, cos votos a favor de BNG, PSOE e concelleiro non adscrito e a abstención do PP, foi a solicitude dunha operación de crédito para financiar a parte restante. E precisamente, tamén onte se debateu por urxencia a aprobación do expediente de licitación das obras deste pavillón, que se prevé que poidan comezar proximamente unha vez que se leve a cabo a contratación.

Para o remate do pleno quedou o debate sobre varias mocións. Daniel Chapela foi o encargado de defender a do fomento da lingua galega sobre a que dixo que “é o noso patrimonio común” e solicitaba “remar todos na mesma liña para conseguir a mellora do uso do galego”. Para iso instaba ás diversas administracións a levar a cabo distintas accións sobre a lingua. No debate interveu Elena Estévez, dende a bancada dos populares, quen apuntou que “dende a Consellería de Cultura da Xunta xa están traballando na mellora do uso do galego co Pacto pola Lingua”. Pola súa banda, Isabel Quintás, dende o PSOE, manifestou que “o Concello de Bueu ten demostrado que emprega o galego como lingua vehicular e dende o 2023 por primeira vez fálase galego no Congreso dos Deputados”, idea que tamén apuntou Xosé Leal dende o BNG. A proposta non saíu adiante, pois só contou co voto a favor de Daniel Chapela, mentres que o PP votou en contra e BNG e PSOE se abstiveron.

Dende o PP presentaron outra para promover a construción dun pavillón de deportes na parroquia de Cela, unha proposta que pretendía recuperar a idea do goberno local que fora anunciada hai dez anos e que supoñía habilitar un pavillón ao lado do colexio. A moción non saíu adiante, pois contou cos votos en contra de BNG e PSOE, ao considerar que, segundo Xosé Leal, “non é a obra que nos demanda a comunidade educativa e agora mesmo as nosas prioridades para a parroquia de Cela xa están fixadas e pasan polo saneamento e abastecemento, asfaltados de camiños e mellora do Centro Sociocultural de Cela”.

Daniel Chapela defendeu a que fai referencia ao funcionamento do servizo do taxi en Bueu. Segundo o edil non adscrito, dende despois da pandemia non se conta con teléfono central e moitos días non existe servizo nocturno, “o que prexudica claramente á cidadanía”. Xosé Leal apuntou que “o alcalde xa mantivo reunións cos taxistas e están enriba da mesa diversas propostas para mellorar o servizo”. A proposta non saíu adiante, xa que contou cos votos en contra de BNG e PSOE e a abstención do PP.

O último asunto foi a moción de Daniel Chapela para a reprobación de Ángeles Vázquez Mejuto, Conselleira de Medio Ambiente, debido á mala xestión e atención á veciñanza de Ons así como á demora na convocatoria da mesa por Ons. Neste punto, e antes do debate dos concelleiros e concelleiras, interveu María José Pérez, presidenta da Asociación de Veciños e Amigos da Illa de Ons, quen reclamou “un acceso digno para as nosas casas” e remarcou o “trato denigrante da Conselleira cara nós, pois nin tan sequera quere sentar a falar”. Xosé Leal saíu

A proposta contou cos votos a favor de Daniel Chapela e do BNG e PSOE, mentres que o PP se abstivo.

Publicacións Relacionadas