A Concellería de Turismo de Baiona pon en marcha un calendario de visitas guiadas para todo o verán.
Tras o éxito obtido pola visita temática de San Xoán deste pasado domingo, o calendario continuará cunha visita infantil o vindeiro domingo, 29 de xuño, ás 17:00 horas. A visita, denominada “O misterio do muíño convertible”, discorrerá por parte da senda fluvial de Baredo onde os nenos irán descubrindo diversos enigmas cos que desvelarán o misterio final. A idade recomendada é a partir de 5 anos.
O martes, 1 de xullo, terá lugar a clásica visita polo Centro histórico de Baiona que se repetirá todos os martes de xullo e agosto e os sábados de setembro, ás 11:00 horas. Outras visitas que continúan ao ter gran éxito de acollida son:
– Visita guiada polo Paseo Monte Boi: os xoves 17, 24 e 31 de xullo e o 14, 21 e 28 de agosto, ás 11:00 horas.
– Visita guiada ata a Virxe da Roca: 5 de xullo e 23 de agosto, ás 11:00 horas
– Visita guiada infantil “Seguindo os pasos de Drake”: 12 de xullo e 16 de agosto ás 11:00 horas
– Visita guiada pola península de Santa Marta: 26 de xullo e 9 de agosto ás 11:00 horas
Ademais, poñeranse en marcha outras dúas visitas de nova creación:
– Visita guiada pola Baiona Mariñeira: pensada para divulgar a cultura e tradición mariñeira da Vila a través dun percorrido polas rúas, porto pesqueiro e lonxa de Baiona. Será o 10 de xullo e 7 de agosto ás 11:00 horas.
– Visita guiada pola senda dos muíños de Baredo: 2 e 30 de agosto. 11:00 horas
Todas as visitas son guiadas por Guías Oficiais de Galicia e, para ofrecer unha visita de maior calidade, as prazas son limitadas e é necesario inscribirse previamente na Oficina de Turismo ou no correo electrónico: oficinadeturismo@baiona.gal.