HomeO MorrazoBueuO concello de Bueu celebra as Festas do Carme do 12 ao...

O concello de Bueu celebra as Festas do Carme do 12 ao 17 de xullo

- Anuncio -spot_img
  • Carmen García, concelleira de cultura, salienta que “facemos unha aposta pola cultura, verbena e por unhas festas interxeracionais para todas as idades”
  • O programa incluirá música, obradoiros, actos relixiosos, procesións e alfombras florais

O Concello de Bueu organiza do 12 ao 17 de xullo as Festas do Carme, que incluirán unha extensa e variada programación na que se poñerá en valor a historia e a cultura mariñeira da vila para todos os públicos. Carmen García, concelleira de cultura, salientou na rolda de prensa celebrada hoxe que “facemos unha aposta pola cultura, verbena e por unhas festas interxeracionais para todas as idades”. No acto tamén estiveron presentes Félix Juncal, alcalde da vila, Xosé Leal, edil de facenda, e representantes da Asociación Bueu en Festas e outras persoas integrantes dos colectivos.

Como antesala das festas, o 9, 10 e 11 de xullo desenvolveranse no Estaleiro de Purro entre as 11 e as 13 horas uns obradoiros artísticos mariñeiros a cargo de Tino Resille, e nos que a cativada coñecerá a arte do mar.

O 12 de xullo comezará a mañá con dous eventos deportivos: dunha banda, a XIV Travesía a Nado pola rexeneración da praia de Pescadoira, organizada polo Club de Atletismo Corredoiras e o Concello de Bueu, unha proba deportiva que pretende poñer o foco na reivindicación pola recuperación deste areal urbano; e pola outra, o II Campionato de Petanca do Concello de Bueu na zona de As Lagoas.  

Ese día, ás 20.00 horas, a Coral Polifónica de Bueu organiza o XVI Concerto “O Son do Mar” que se celebrará no Centro Social do Mar e no que participarán a Coral Polifónica Valdarrosa de Pontecaldelas, a Coral Polifónica da Cofradía de Pescadores San Martiño do Grove e a anfitrioa.

Pola noite, no exterior do Centro Social do Mar, a partir das 22.30 horas actuará Ortiga, que vén a través do programa +Música da Deputación de Pontevedra, e o remate da festa será cun DJ.

O 14 de xullo, tamén no mesmo espazo, a verbena estará amenizada coa orquestra Furia Joven. E ao día seguinte, actuará a orquestra Los Españoles.

O día grande será o 16 de xullo, festividade do Carme,  e no que se celebrará a tradicional procesión marítima e o espectáculo de pirotecnia. Os actos arrancarán xa a primeira hora da mañá, co pasarrúas ás 10.30 horas a cargo da Banda de Música Cultural de Barro. Ás 12 horas será a misa na honra da Virxe do Carme co Coro de Cela-Lestonnac na Igrexa Parroquial de San Martiño, onde haberá alfombras florais realizadas polo Colectivo Independente de Alfombristas de Bueu. Despois sairá a procesión ata a lonxa coa Banda de Cornetas e Tambores de Cangas e Peis d’hos.  Pola tarde, os oficios relixiosos serán na Lonxa coa música da Coral Polifónica de Bueu e un baile á Virxe coa agrupación Peis d’hos. Xa despois arrancará a procesión marítima coa Banda de Música de Bueu. No espazo da contorna da Lonxa tamén lucirán tapices florais elaborador pola Asociación Cunchas e Flores de Bueu.

Pola noite, a partir das 22 horas, haberá festa coa orquestra Triunfo e a media noite, gran espectáculo pirotécnico que se lanzará por segundo ano consecutivo dende o mar e que se poderá ver dende a praia da Banda do Río.

O 17 de xullo, coincidindo coa festividade das Dores, está programado unha ruada coa charanga Noroeste. Ás 12 horas na Igrexa Parroquial de San Martiño celebrarase a misa solemne na honra da Virxe das Dores cantada pola Coral Marusía. E a xornada culminará ás 21 horas cunha verbena con Mar Davila Music.

Ademais, do 11 ao 17 de xullo a zona das Lagoas acollerá atraccións para os máis pequenos e pequenas.

Barco para a procesión marítima

Como é habitual, dende o Concello de Bueu poñerase a disposición da cidadanía un barco para ver a procesión marítima. As persoas que desexen participar deberán inscribirse entre o 7 o 12 de xullo no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede Electrónica, cun máximo de tres persoas por solicitude.

Publicacións Relacionadas