A Deputación investiu no Museo 16,4 millóns, con récord de visitantes en máis dunha década e un 20% máis de asistentes ás visitas guiadas de 2024 respecto a 2023. Ademais, a recuperación da Bienal foi un “punto de inflexión” cun impacto que “superou as expectativas”
O vicepresidente sinalou a “colaboración firme e constante co Concello” que mobilizou preto de 7 millóns de euros en convenios, financiando investimentos como o campo de fútbol de Salcedo, a iluminación do barrio de Lérez ou a conexión entre Rosalía de Castro e a Avenida de Marín
Rafa Domínguez: “Seguiremos facendo que a Cultura transforme, que as Infraestruturas conecten, que a Cooperación fortaleza e o Deporte inspire, porque Pontevedra merece unha Deputación que non só xestione senón que lidere con visión e feitos”
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, destacou este mércores o “proxecto sólido, responsable e ambicioso” que puxo en marcha o goberno provincial nos seus dous anos de goberno “cun único obxectivo: servir as persoas e transformar a provincia con feitos, non con palabras”. O vicepresidente puxo a cidade de Pontevedra como “o mellor exemplo do que significa esa transformación”, cun investimento “responsable e decidido” de máis de 28 millóns de euros que transforman a provincia e a cidade e a previsión de que o investimento “sexa superior aos 80 millóns nos próximos dous anos”. Domínguez escolleu o Museo de Pontevedra para ofrecer “datos, cifras e resultados” dese proxecto, xa que “este lugar representa todo o que quixemos facer desde o primeiro día: devolver á cidade o seu corazón cultural, proxectar o talento local e transformar Pontevedra con feitos concretos”.
Rafa Domínguez asegurou que “estes dous anos foron un tempo de cambio palpable e de retos abordados con ambición e compromiso”, que conseguiron “devolver a Pontevedra o seu pulso cultural, facendo que o Museo e a Bienal volvan ser o latido que proxecta a nosa cidade ao mundo”. O vicepresidente da Deputación sinalou que “puxemos a mobilidade e a seguridade no centro da nosa axenda, con investimentos reais que melloran cada día a vida dos veciños e veciñas” cunha “colaboración co Concello” que “non é un xesto, senón un compromiso sólido e constante que se traduce en obras visibles: novos campos de fútbol, iluminación eficiente, camiños peonís e eventos deportivos que enchen as nosas rúas”. Precisamente o deporte “de base e elite, masculino e feminino, recibiu o impulso que merecía cun aumento real en bolsas e apoio a clubs e deportistas, porque cremos que o deporte é parte esencial da nosa identidade e cohesión social”.
O vicepresidente da Deputación concretou en primeiro lugar os investimentos no Museo de Pontevedra, que nestes dous anos recibiu 16,4 millóns de euros: “a maior aposta cultural na historia recente da Deputación”. Rafa Domínguez destacou a rehabilitación dos edificios Castro Monteagudo e García Flórez, a recuperación de Santa Clara como sétima sede do Museo, exposicións “sen precedentes” como ‘A era das fábulas’ ou a de Berta Cáccamo, ademais da creación de programas educativos, obradoiros escolares, visitas guiadas e residencias artísticas internacionais. “Isto traduciuse nun récord de visitas en 2024: as 145.876 persoas que pasaron ese ano polo Museo, un 13,6% máis respecto a 2023, son as mellores cifras nos últimos trece anos”. O vicepresidente tamén sinalou que “a programación cultural acadou a súa maior cifra en dez anos, as visitas individuais aumentaron un 18% respecto a 2023 e as visitas grupais medraron un 17%, as mellores cifras dos últimos nove anos”.
Rafa Domínguez destacou que “a Bienal de Arte de Pontevedra foi un punto de inflexión para a cidade e a cultura provincial, hoxe a cidade respira arte e detrás dese impulso está a Deputación”. O vicepresidente puxo en valor o “impacto que superou con creces as nosas expectativas: non só revitalizou os espazos expositivos, senón que mudou a percepción social sobre a arte”. A Bienal conta con máis de 1,7 millóns de euros de investimento, 60 artistas de 28 nacionalidades e preto dunha vintena de sedes, 13 delas na cidade. O vicepresidente provincial asegurou que “a Bienal puxo Pontevedra no mapa da arte contemporánea internacional, convertendo a cidade nun referente cultural activo e dinámico”. Domínguez sinalou que “o éxito mídese en cifras, si, pero tamén na enerxía, o diálogo e a visibilidade que xerou, esgotando en só tres horas trala súa apertura o folleto informativo e facendo xa tres reimpresións”.
Ademais, a aposta da Deputación pola Cultura transcende o Museo, impulsando convocatorias, festivais, escolas e asociacións “que enriquecen a nosa cidade”. Así, o servizo de Cultura “beneficiou centos de proxectos culturais cun investimento sostido que reflexa o noso compromiso coa diversidade e pluralidade cultural”, asegurou Domínguez, que destacou as 500 actuacións do Culturea, o apoio ao Novos Cinemas, 25 proxectos culturais como exposicións ou encontros con axudas que chegaron aos 20.000 euros só en 2024, o apoio a entidades clave como a UNED ou Culturgal, e fundacións e asociacións veciñais como a Manuel Moldes ou a Festa do Caldo de Mourente. “Esta política descentralizada permitiu que o tecido cultural medre en todas as súas vertentes, xerando oportunidades para os artistas, creadores, asociacións e público, e afianzando a cultura como un motor real de desenvolvemento”.
Rafa Domínguez destacou a “especial atención nas políticas dirixidas á xuventude e combate ao reto demográfico desde unha perspectiva práctica e próxima”, cun investimento de máis de 200.000 euros para impulsar “iniciativas e proxectos en beneficio da mocidade pontevedresa” como o evento Pontevedra Literaria. “A promoción da lectura e a cultural xuvenil é importantísima, e a través de proxectos como ese, que terá un investimento bianual de 30.000 euros, estamos traballando para fomentar a creación e a difusión literaria entre os máis novos”.
Trala aposta pola Cultura, o vicepresidente da Deputación destacou os investimentos en Infraestruturas. “Actuamos onde era urxente necesario, na mellora da mobilidade e a seguridade viaria, con máis de 2,3 millóns investidos”. Neste aspecto destacou proxectos como a nova conexión Marco-Tomeza-Figueirido (1,7 millóns) para mellorar a fluidez e reducir os tempos de desprazamento, as obras de emerxencia para reparar danos provocados polos temporais (230.000 euros), a renovación do asfaltado en vías urbanas e rurais, a instalación de sistemas de iluminación intelixente en puntos críticos para aumentar a visibilidade nocturna e reducir accidentes, así como as melloras en sinalización e pasos peonís en zonas escolares e de alta circulación. “Un investimento útil, planificado e cun impacto inmediato que responde as necesidades reais da cidadanía”, asegurou Rafa Domínguez.
O vicepresidente provincial tamén destacou a grande aposta no apartado de Cooperación municipal, lembrando que “esta Deputación é unha aliada real dos concellos, e co Concello de Pontevedra a colaboración foi firme e constante mobilizando nestes dous anos máis de 7 millóns de euros en convenios”. Entre os proxectos, Domínguez destacou o campo de fútbol de Salcedo (2,1 millóns), a nova iluminación eficiente e sostible no barrio de Lérez (1,4 millóns), a remodelación e mellora da conexión peonil e ciclista entre Rosalía de Castro e a Avenida de Marín (1,2 millóns), o apoio ao Mundial de Tríatlon (500.000 euros) e investimentos nas instalacións deportivas e centros sociais, así como proxectos de eficiencia enerxética e sostibilidade en edificios públicos. “Nunca antes houbo un modelo tan sólido, planificado e leal por parte desta institución coa capital da provincia”, valorou o vicepresidente.
Por último, Rafa Domínguez destacou o apoio da Deputación no Deporte de base e de alto nivel. “En Pontevedra o deporte recibe un respaldo económico sólido e diversificado que cubre distintas disciplinas e niveis de competición”, con achegas que superan os 120.000 euros na liña de ámbito estatal, máis de 54.000 euros na de ámbito inferior, máis de 45.000 euros na liña de deportes náuticos, ou os máis de 290.000 euros nas achegas nominativas para clubs e entidades locais. Tamén se beneficiaron de 40.000 euros distintos campionatos e actividades deportivas nacionais, autonómicas e internacionais, e o apoio á formación de deportistas e adestradores acadou un investimento de 6.000 euros. “Estas cifras reflexan un compromiso co deporte da cidade, fomentando a excelencia, a inclusión e un estilo de vida activo para toda a poboación, sen exclusións nin sectarismos, só con responsabilidade”.
O vicepresidente da Deputación concluíu que “todo isto non é un punto final, senón un impulso para o que vén, e imos seguir construíndo esta Deputación útil e próxima, que inviste con cabeza e corazón”. O vicepresidente asegurou que “seguiremos facendo que a cultura transforme, que as infraestruturas conecten, que a cooperación fortaleza e o deporte inspire, porque Pontevedra merece unha Deputación que non só xestione senón que lidere con visión e feitos”. Neste sentido, “estamos preparados para seguir traballando, con diálogo e sentido común, por un futuro mellor para Pontevedra”.