Esixe a Caballero que os novos pregos para a licitación do servizo recollan as demandas do Comité de Empresa e que se poña fin á precariedade
Urxe a Xunta de Galiza a deixar de estrangular economicamente o SAF e a aumentar o número de horas para a cidade
Xabier P. Igrexas: “Temos que facer do SAF a verdadeira columna vertebral dun sistema público de coidados, deixando atrás o modelo de precariedade e baixos custes”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo instou este mércores ao alcalde Abel Caballero a non repetir os erros anteriores na nova licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Segundo manifestou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, é imprescindíbel que os novos pregos incorporen todas as demandas trasladadas polo Comité de Empresa á concellaría de Benestar Social co obxectivo de evitar a continuidade dun SAF “precario e de baixo custo”.
“O SAF é un servizo esencial para a atención de persoas maiores e dependentes”, subliñou Igrexas, lembrando que Vigo conta con preto de 8.000 persoas con algún grao de dependencia recoñecida e máis de 14.000 maiores de 65 anos que viven soas. Neste contexto, a anulación dos anteriores pregos representa unha oportunidade que, segundo o BNG, o Goberno municipal non pode desaproveitar.
Desde a fronte nacionalista insisten na necesidade de dotar este servizo de máis medios e capacidades para garantir unha atención axeitada e digna. Igrexas denunciou a “precariedade laboral extrema” das traballadoras do SAF, que padecen “cargas de traballo esgotadoras, salarios baixos e pésimas condicións”.
Por iso, exixen un cambio profundo no modelo de contratación que deixe de tratar o SAF como unha simple compra administrativa. “Caballero non pode tramitar o novo contrato de maneira burocrática, non estamos licitando a compra de papel, estase a definir en que condicións se vai prestar un servizo social da máxima importancia”, advertiu.
A Xunta estrangula o SAF
Ademais, o BNG volve sinalar á Xunta de Galiza como parte do problema, acusándoa de estrangular economicamente o SAF ao manter un financiamento insuficiente que non permite cubrir os custes reais do servizo. Igrexas tachou de “indecente” a postura do Partido Popular por negarse a aumentar a achega autonómica, pese ás reiteradas demandas nacionalistas no Parlamento galego. “É urxente que a Xunta autorice máis horas de servizo”, acrecentou, ao indicar que as actuais 1.200 persoas usuarias en Vigo xa consumen o 100% das horas asignadas, impedindo novas altas e ampliacións de prestacións.
A fronte nacionalista considera que tanto o Concello como a Xunta deben acometer unha mudanza profunda para que o SAF se converta na verdadeira columna vertebral dun sistema público de coidados. Nesta liña, Igrexas reiterou a disposición do BNG a traballar para que Vigo conte cun SAF digno, centrado nas persoas e non nos balances contables. “Non podemos seguir afondando nun modelo de mínimos, cómpre poñer ás persoas no centro e dignificar tanto a atención como o traballo que se presta”, concluíu.