HomePontevedraPontevedraVilaboa convértese no epicentro enocultural de Galicia con "100 viños e 100...

Vilaboa convértese no epicentro enocultural de Galicia con “100 viños e 100 libros”

- Anuncio -spot_img

A cita será o domingo 13 de xullo e reunirá a autores e viños de toda a comunidade autónoma no Forno de Cal

Vilaboa acolleu esta mañá a presentación oficial de “100 Viños e 100 Libros”, unha proposta enoliteraria singular que reunirá, por primeira vez, literatura galega, viños con denominación de orixe e un espazo patrimonial tan simbólico como o Forno do Cal. A cita terá lugar o domingo 13 de xullo e promete converter Vilaboa nun punto de encontro para amantes da lectura, do viño e da cultura galega.



No acto interviñeron o alcalde de Vilaboa, César Poza, e o CEO de Paadín Eventos, Alejandro Paadín, responsable da organización, así como Conchita Pérez, directora do CRA de Vilaboa e fundadora do Salinas Club de Lectura e a concelleira de Dinamización Económica, Carmen Gallego. Tanto Poza como Paadrín destacaron o potencial do evento para dinamizar o municipio e abrir novas vías de proxección cultural a través dun formato atractivo e participativo.



Durante a xornada, o Forno da Cal acollerá unha trintena de autores e autoras de toda Galicia, xunto a unha ampla representación de viños procedentes das cinco denominacións de orixe galegas. Terá tamén unha notable presenza dos viños da IXPO Ribeiras do Morrazo, cun protagonismo especial dado o contexto local.

O espazo transformarase nun mercado ao aire libre, inspirado nos tradicionais marché aux puces de París, con postos editoriais, zonas de cata e espazos para a conversa e a sinatura de libros.



“Vilaboa ten a sorte de contar cun entorno único e un tecido cultural vivo. Esta xornada é unha oportunidade para abrirnos a Galicia desde o que somos: terra, memoria e creatividade”, sinalou o alcalde César Poza durante a presentación, na que definiu a xornada como ideal para conxugar a arte de facer viño co amor pola lectura que sinte a veciñanza de Vilaboa.


Pola súa parte, Alejandro Paadín destacou que “‘100 Viños e 100 Libros’ nace coa intención de crear unha experiencia diferente, que una dúas expresións culturais con fonda tradición en Galicia: a palabra escrita e o viño. Queremos ofrecer ao público un espazo para descubrir, conversar e gozar do noso”.

Pola súa parte Conchita Pérez felicitou a organización dun evento que porá en valor a cultura local e que será unha oportunidade para que o Salinas Club de Lectura continue a medrar tras un primeiro ano de consolidación.

O evento será de acceso libre, mais é necesario inscribirse previamente enviando un correo a info@paadin.es. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe.

Na entrada, tanto os autores como os participantes rexistrados recibirán un gorro para o sol e poderán desfrutar dunha cata profesional, para a que contarán con mariñeiras e froitos secos, co fin de degustar cada viño con rigor.


A xornada contará tamén con actividades paralelas, sinaturas de libros e espazos de descanso, nun enclave único como é Vilaboa, que une natureza, historia e identidade.

Publicacións Relacionadas