HomeVigoMosMos coloca a primeira pedra dun proxecto transformador en Puxeiros e o...

Mos coloca a primeira pedra dun proxecto transformador en Puxeiros e o Rebullón que conta con aportacións da Deputación e da Xunta

- Anuncio -spot_img

A humanización das avenidas de Puxeiros e do Rebullón xa é unha realidade. Esta mañá celebrouse o acto simbólico de colocación da primeira pedra dun proxecto transformador que suporá un investimento conxunto de 1.282.373,65 euros e que marcará un antes e un despois na calidade urbana do centro de Mos.

O proxecto abrangue tramos das estradas provinciais EP-2604 (Puxeiros–Meixoeiro–CUVI) e EP-2603 (Puxeiros–Peinador), incluíndo tamén a remodelación integral da rotonda dos Bois, un punto estratéxico da mobilidade local.

Dentro das actuacións previstas inclúese a remodelación de 170 metros da Avenida de Puxeiros e 125 metros da Avenida do Rebullón, a humanización da rotonda dos Bois, a creación de beirarrúas accesibles, zonas verdes, xardíns e mobiliario urbano novo, a ampliación da calzada ata 7,5 metros e dobre carril nos accesos á rotonda, o soterramento das redes de iluminación pública e telefonía e unha nova rede de pluviais.

No acto de colocación da primeira participaron a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañados pola delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; a Deputada Provincial de Infraestruturas Públicas e Mobilidade, Belén Cachafeiro; membros da corporación municipal, técnicos e veciñanza.

Trala intervención do arquitecto do proxecto José Luis Quintela Porro, que expuxo os datos técnicos do mesmo, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, tomou a palabra para agradecer o apoio das administracións para levar adiante este proxecto e recalcou que “hoxe non colocamos só a primeira pedra dunha obra, senón que reafirmamos o compromiso con un Mos máis accesible, sostible e pensado para as persoas”.

“Quero tamén saudar a toda a xente que hoxe quixo acompañarnos neste día tan importante e, por suposto, ademais dos meus compañeiros de goberno, lle damos a benvida e as grazas pola súa presenza á conselleira María Martínez Allegue e ao presidente da Deputación Luis López”, engadiu. “Grazas aos dous polo compromiso con Mos, porque grazas á Xunta e á Deputación de Pontevedra hoxe é posible que fagamos realidade este soño coa colocación desta primeira pedra”.

Pola súa banda, Luis López destacou que esta será “unha obra que vai transformar por completo estas avenidas para convertelas nun espazo público de calidade, amable cos peóns e máis accesible, funcional, estético e seguro”.

Sobre este proxecto o mandatario provincial salientou tamén a cooperación entre as tres administracións, algo que é posible grazas a que o actual goberno provincial de Luis López anulou a cláusula “anti Xunta”, da etapa anterior, dixo Luis López, que reafirmou o seu compromiso co Concello de Mos, no que a Deputación leva promovido obras relevantes en materia viaria como a mellora da EP-2601 entre Puxeiros e Mos. “O traballo da alcaldesa fai que proxectos complexos coma este, parezan sinxelos”, salienta López.

Finalmente, a conselleira María Martínez Allegue indicou que “esta é unha mostra de como o traballo conxunto permite avanzar para desenvolver actuacións esenciais”, e lembrou tamén a colaboración co Concello de Mos en materia de vivenda, coa actual construción de 20 vivendas públicas en San Eleuterio e cuxa finalización prevese tamén no 2026. “Seguimos a dar pasos xuntos -concluíu- neste compromiso co futuro, cunhas infraestruturas amables, coa accesibilidade, con vivenda accesible, e, sobre todo, no compromiso coa calidade de vida dos galegos e galegas”.

Detalles técnicos do proxecto

Investimento total: 1.282.373,65 euros.

O financiamento da actuación distribúese do seguinte xeito:

Xunta de Galicia: 600.000 euros (convenio coa Axencia Galega de Infraestruturas).

Deputación de Pontevedra: 427.481,77 euros + 234.040,78 euros (proceden do Plan Máis Provincia 2025).

Concello de Mos: 20.851,10 euros.

Publicacións Relacionadas