HomeXunta de GaliciaAs reservas de voos internacionais a Galicia medran o 9% nun verán...

As reservas de voos internacionais a Galicia medran o 9% nun verán no que os establecementos hoteleiros teñen máis da metade das prazas reservadas en xullo

- Anuncio -spot_img

O turismo internacional medrará en Galicia este verán 2025 segundo as previsións turísticas que fixo públicas hoxe a Xunta da Galicia. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, adiantou que as estimacións que manexa a Área de Estudos e Investigacións do seu departamento constatan “o incremento do 9% no número de reservas internacionais con respecto ao verán de 2024” procedentes, sobre todo, dos mercados de Reino Unido, Suíza, Italia e Alemaña.

Nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, o director de Turismo de Galicia destacou que “soben tamén as reservas con orixe en países latinoamericanos como Arxentina ou Uruguai“ e subliñou ademais, que Estados Unidos é o principal mercado fóra de Europa desde o que se están a realizar o maior número de buscas de viaxes en verán, “principalmente desde New York e Miami”.

Durante a súa intervención, Xosé Merelles salientou que as previsións van na liña de traballo desenvolto polo Goberno galego que aposta pola internacionalización; un eixo no que se está a facer especial fincapé este ano co plan de promoción “que nos permite estar en máis de 30 mercados a través de 130 accións e no que a Xunta inviste 13M€”. “Levamos xa dous anos consecutivos nos que o número de viaxeiros internacionais é o máis numeroso dos tres mercados no primeiro semestre do ano”, asegurou.

Novas ferramentas de monitorización

Precisamente, estas previsións son posibles grazas á nova ferramenta de monitorización do destino, desenvolvida en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e presentada hoxe no marco das tarefas levadas a cabo no Observatorio de Sostibilidade Turística da Xunta de Galicia. Trátase do novo cadro de mando de datos turísticos que se pode consultar na web turismo.gal, e que permite facer estas operacións, entre outras.

De feito, con esta ferramenta, monitorízanse os principais indicadores sobre demanda turística e rendibilidade económica do sector turístico para dispor de todas as fontes de datos, estatísticas e resultados de xeito máis rápido e doado. Integra, como novidade, distintas fontes para achegar o dato máis exhaustivo combinando distintas enquisas que

proporciona o INE, como a Estatística de Movementos sen Fronteiras (FRONTUR) e Enquisa de Turismo de Residentes (ETR).

Moitos indicadores analizados permite tamén a comparativa con distintas comunidades autónomas, áreas turísticas galegas ou puntos turísticos da comunidade galega. O cadro de mando irá ampliándose, con información sobre o Camiño de Santiago, entre outras.

Ocupación hoteleira e estancia media

Na mesma liña, Xosé Merelles destacou outra ferramenta: a plataforma Simada do Clúster de Turismo de Galicia que conta coa colaboración da Xunta e que permite tamén arroxar datos estimativos da ocupación hoteleira este verán. Así, adiantou que “a día de hoxe os establecementos de aloxamento galegos teñen reservadas xa máis da metade da prazas para o mes de xullo a falta das reservas de última hora” e todo indica que “a estancia media para o mes de xullo está en torno a 5,76 noites”.

O director de Turismo de Galicia tamén fixo unha valoración dos datos turísticos do que vai de ano. Así, destacou que “Galicia recibiu de xaneiro a maio máis de 2,1 millóns de viaxeiros que fixeron máis de 3,5 millóns de noites”, o que se traduce nun incremento do 4% en viaxeiros e case do 3% en demanda. “Ambas cifras son máximos históricos”, subliñou.

Xosé Merelles sinalou que neste período tamén medrou “con moita intensidade” o turismo internacional que foi o mercado que “nos trouxo un maior número de viaxeiros: un total de 828.665”. Estes visitantes procedían de Portugal, Estados Unidos, Alemaña, Reino Unido, Italia e Francia.

O director de Turismo de Galicia tamén destacou a desestacionalización como común denominador destes cinco meses alcanzando incrementos no número de visitantes do 4% en xaneiro, o 3% en febreiro e en maio tamén do 4%.

Medra o impacto económico

Ademais, destacou que á vista dos datos dos últimos anos “Galicia está a ser cada vez máis atractiva fóra de temporada”, e así o reflicte o feito de que “o peso do verán en 2024 foi do 29% en número de viaxeiros e do 35% en noites”. Isto demostra que “o verán perde peso en relación ao resto do ano polo bo comportamento das temporadas media e baixa”, engadiu.

Este bo comportamento tamén ten o seu impacto no volume de ingresos nominais do sector que se cifrou en case 118M€, case un 3% máis que en 2024.  “No que se refire ao emprego e atendendo aos datos das afiliacións á seguridade social, nos cinco primeiros meses de 2025 rexístrase unha media de preto de 84.000 afiliacións das ramas características de turismo, cifra que supera preto do 2% o dato do mesmo período de 2024 e que supón un máximo da serie histórica”, apuntou.

Publicacións Relacionadas