O mandatario provincial, acompañado pola deputada Belén Cachafeiro e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; participa no inicio dunha obra estratéxica, na que a Deputación colabora coa Xunta e o Concello para impulsar a accesibilidade e seguridade viaria
“A obra vai transformar por completo estas avenidas para convertelas nun espazo público de calidade, amable cos peóns e máis accesible, estético e seguro”, di López
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de visitar este mércores o Concello de Mos para asistir ao comezo das obras de remodelación das avenidas do Rebullón e de Puxeiros, unha intervención valorada en preto de 1,3 millóns de euros, dos que a Deputación achega máis da metade, 660.000€, nun proxecto no que colabora co Concello e a Xunta. Acompañado pola deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a conselleira de Infraestruturas da Xunta, María Martínez Allegue; o mandatario provincial participou no acto simbólico de posta en marcha deste proxecto estratéxico para a mobilidade e a seguridade viaria no Concello de Mos. “Unha obra que vai transformar por completo estas avenidas para convertelas nun espazo público de calidade, amable cos peóns e máis accesible, funcional, estético e seguro”, afirmou López.
A través dun convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Mos, o ente provincial asumirá o 100 % do custo da reforma dos treitos que son de titularidade provincial, valorados en 660.000€ e que abarca as avenidas do Rebullón e de Puxeiros, así como a rotonda dos Bois. A obra servirá para ampliar as beirarrúas, crear novas e máis amplas zonas verdes e renovar todos os servizos urbanos. Unha intervención integral que mellorará tanto a imaxe destas avenidas, como a accesibilidade e a seguridade viaria. Un proxecto sobre o que o mandatario provincial salientou a cooperación entre as tres administracións, algo que é posible grazas a que o actual goberno provincial de Luis López anulou a cláusula “anti Xunta”, da etapa anterior.
Neste sentido, o mandatario provincial sinalou que o comezo destas obras, un día despois da celebración do acto de balance dos dous primeiros anos de goberno de Luis López, demostra o compromiso da Deputación para seguir cooperando cos concellos e impulsando proxectos transformadores. “Cruzamos o ecuador do mandato con máis dun milleiro de obras impulsadas e máis de 235M€ mobilizados. Cifras destacables que están a mellorar os servizos, as infraestruturas e a calidade de vida da veciñanza dos 61 concellos da provincia. Pero nesta Deputación non nos conformamos, queremos seguir avanzando”, afirmou López reafirmando o compromiso cun Concello, no que a Deputación leva promovido obras relevantes en materia viaria como a mellora da EP-2601 entre Puxeiros e Mos. Nesta alianza entre a Deputación e o Concello, o presidente recoñeceu o labor da alcaldesa Nidia Arévalo. “O traballo da alcaldesa fai que proxectos complexos coma este parezan sinxelos”, salienta López.
Con todo, a colaboración do ente provincial co Concello non se reduce unicamente a obras en estradas. Este ano, ao abeiro dos plans de Cooperación aprobados polo goberno provincial, como o +Provincia, o Plan Extra e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas; investiranse en Mos máis de 2 millóns de euros.