HomePontevedraBaixo MiñoO Rosal converterase no centro da festa galega co AMDOR Fest

O Rosal converterase no centro da festa galega co AMDOR Fest

- Anuncio -spot_img

The Rapants, Djs e gastronomía transformarán o 25 de xullo a Praza do Calvario cun festival organizado pola Agrupación Musical do Rosal coa colaboración do Concello

O Rosal prepárase para vivir unha das noites máis intensas do verán. O 25 de xullo, a Praza do Calvario converterase nun auténtico escenario de música, sabor e diversión co AMDOR Fest, un evento que promete facer historia e que encherá o corazón do municipio de ritmo e alegría.

O festival, organizado pola Agrupación Musical do Rosal coa colaboración do Concello do Rosal, traerá como cabeza de cartel a The Rapants, unha das bandas máis aclamadas do momento en Galicia, que chegarán acompañados da banda da AMDOR con arranxos especiais do compositor Andrés Álvarez. O concerto arrancará ás 22.00 horas e será só o comezo dunha noite cargada de emocións.

Tras o directo, a festa continuará grazas aos DJs Joselete, Axel e Pitty, que manterán o público bailando. Ademais, desde antes do concerto, a Praza do Calvario ofrecerá unha zona gastronómica con foodtrucks e contará cos bares da contorna preparados para completar unha experiencia única, na que a música e o bo ambiente serán protagonistas.

AMDOR e Concello presentaron este martes esta nova cita estival, unha presentación que contou coa presenza de dous rosaleiros e recoñecidos deportistas celestes como Sara Álvarez, das Celtas, e Ángel Arcos, do Celta Fortuna.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destaca que este tipo de iniciativas “reforzan a nosa identidade e a nosa vida comunitaria, convertendo o 25 de xullo ao Rosal nun referente de encontro a nivel galego coa orixinal fusión entre a nosa gran banda e un dos grupos de máxima actualidade no panorama musical galego”. Para a rexedora, o AMDOR Fest “é unha mostra máis do talento e da capacidade organizativa que temos aquí, cunha Agrupación Musical do Rosal que non deixa de sorprendernos e co apoio imprescindible de institucións e entidades locais”.

Pola súa banda, a Agrupación Musical do Rosal salientou “o gran salto a nivel cultural polo traballo colectivo que estamos a desenvolver nos últimos anos xuntos e xuntas no municipio, co que non paramos de medrar”.

O festival conta tamén coa colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra e de Abanca, así como co apoio de diversas empresas da contorna, facendo posible que o evento sexa totalmente gratuíto e aberto a toda a cidadanía.

Publicacións Relacionadas