HomeXunta de GaliciaA Xunta concede máis de 3M€ en axudas para a transformación e...

A Xunta concede máis de 3M€ en axudas para a transformación e modernización das frotas de transportes de viaxeiros e de mercadorias por estrada

- Anuncio -spot_img
  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as resolucións das subvencións outorgadas nos cinco primeiros meses do ano, que suman 63 novos beneficiarios
  • A maior parte das axudas correspóndense coa actividade de adquisición de vehículos, aínda que o achatarramento é a actividade que acada un maior número de beneficiarios diferentes

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a relación de axudas concedidas pola Xunta para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas de servizos de transporte por estrada entre os meses de xaneiro e maio deste ano, que suman 63 beneficiarios novos por un importe global de máis de tres millóns de euros.

Por liña de actividade, 56 expedientes dos expedientes corresponden a actuacións de achatarramento, se ben os sete que pertencen á actividade de adquisición de vehículos de enerxías limpas baixas en carbono supoñen case dous terzos das axudas.

Trátase da décima publicación en relación cos expedientes concedidos no marco da Orde do 30 de marzo de 2022, que regula estas axudas, co obxecto de favorecer a descarbonización e a aposta por tecnoloxías verdes no transporte por estrada. A medida contou cun crédito inicial de case 13 millóns de euros que, ante a boa acollida da iniciativa, foi incrementado en catro ocasións ata acadar un total de case 35 millóns.

A maior parte destas novas concesións saen da cuarta ampliación dos fondos, neste caso con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado, que supera os tres millóns de euros. O resto dos fondos outorgados, uns 307.000 euros, encádranse no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation EU.

Estas axudas abranguen catro liñas de actuación diferentes: o achatarramento de vehículos; a adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono; a implantación de infraestruturas de recarga de vehículos; o retrofit ou modificación da forma de propulsión de vehículos e a adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias. 

Publicacións Relacionadas