HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación destinará preto de 110.000 euros a Silleda para financiar integramente...

A Deputación destinará preto de 110.000 euros a Silleda para financiar integramente a substitución da cuberta do centro de saúde da Bandeira

- Anuncio -spot_img

A deputada provincial Belén Cachafeiro visitou hoxe o concello, onde anunciou que a actuación estará financiada ao 100% con recursos do Plan +Provincia que se aprobarán na Xunta de Goberno deste venres

A deputada provincial Belén Cachafeiro acaba de realizar unha visita a Silleda, onde anunciou que a Deputación se encargará de financiar integramente as obras para a substitución da cuberta do centro de saúde da Bandeira. A Xunta de Goberno aprobará este venres unha achega de preto de 110.000 euros para impulsar esta actuación con recursos procedentes do Plan +Provincia. Nesta anualidade, este programa provincial destina á vila un total de 898.537 € e, no caso da liña 1 de investimentos, preto de 628.976 €.

A deputada deu conta dos traballos que Silleda levará a cabo con estes fondos provinciais, que permitirán a substitución da cuberta do Centro de Saúde da Bandeira para mellorar a eficiencia enerxética da súa envolvente. A actuación afecta unicamente a esta, xa que a estrutura portante se atopa en bo estado, e contempla a demolición da cuberta existente de tella e placas de fibrocemento, substituíndoa por un sistema de cobertura con panel sándwich illante de aceiro e 40 mm de espesor. Así mesmo, prestarase especial atención aos encontros do novo material coas fachadas e os petos de cuberta, modificándose o caleiro da fachada sur por un novo e oculto na fachada norte, perfectamente impermeabilizado para evitar filtracións de auga ao interior da edificación.

Belén Cachafeiro destacou que o Plan +Provincia é “a mellor representación da filosofía do noso goberno, baseada no respecto máis absoluto á autonomía municipal. Os concellos deciden libremente a que queren dedicar os recursos que poñemos á súa disposición”. A deputada provincial lembrou que con este programa “a Deputación busca modernizar as nosas vilas con actuacións transformadoras como a que se vai a realizar en Silleda, que melloran a calidade de vida da súa veciñanza e logran un avance da provincia sen precedentes”.

Publicacións Relacionadas