HomePontevedraO BNG de Vigo denuncia que o Goberno local identifica por motivos...

O BNG de Vigo denuncia que o Goberno local identifica por motivos raciais e veta o acceso de feirantes ao Concello

- Anuncio -spot_img

A casa consistorial está hoxe valada e cun operativo policial que identifica a persoas por motivos raciais e restrinxe o acceso a todas as persoas que se recoñecen como feirantes e que acuden para rexistrar documentación 

Xabier P. Igrexas: “Non vamos tolerar que co pretexto da seguridade ou de previr hipotéticos incidentes o Goberno de Caballero coloque barreiras raciais no Concello”

O Bloque Nacionalista Galego denuncia unha “grave discriminación” do Goberno municipal de Vigo por vetar o acceso de feirantes ao Concello. A casa consistorial apareceu este xoves valada e cun operativo policial que, segundo puido comprobar in situ a fronte nacionalista, identifica a persoas por motivos raciais e restrinxe o acceso a todas as persoas que se recoñecen como feirantes e que acuden para rexistrar documentación ante a falla de resposta da área de Seguridade.

Para o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, trátase dunha decisión “sen precedentes e sen motivación legal”, dado que as dependencias do Concello son un espazo público que debe ficar aberto a toda a cidadanía. O Bloque puido constatar de primeira man como os axentes da Policía Local están a filtrar e identificar o acceso de persoas á lonxa do Concello en base a motivos raciais, como persoas de etnia xitana ou negra, permitindo o acceso libre do resto da veciñanza que non responde a estes trazos. Ás persoas que se lles impide o acceso para realizar xestións se lles deriva co 010.

“Unha medida absolutamente discriminatoria e inaceptábel por parte dunha Administración pública”, criticou Igrexas, quen avanzou que diante destes “feitos gravísimos” a fronte nacionalista vén de esixir por escrito explicacións do alcalde como máximo responsábel municipal. Aliás, demandan depurar responsabilidades por unha instrución e unha operativa que consideran atenta contra os dereitos fundamentais.

“Non vamos tolerar que co pretexto da seguridade ou de previr hipotéticos incidentes o Goberno municipal de Abel Caballero coloque barreiras raciais no acceso da Casa do Concello, que é a casa de todas e de todos”, remachou Igrexas.

Publicacións Relacionadas