A acción escénica, coa colaboración de Su Garrido Pombo, terá lugar o venres 4 de xullo ás 20:00 h no claustro do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra
A Bienal de Pontevedra continúa a súa programación de Artes Vivas coa presentación de Unha vaixela, unha premonición, a última performance da artista Marta Fernández Calvo, que terá lugar mañá, venres 4 de xullo, ás 20:00 horas, no claustro do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra. Acompañada pola cantante galega Su Garrido Pombo, a acción supón unha nova activación do traballo escénico que Fernández Calvo xa levou a Matadero Madrid e ao museo Artium.
A proposta escénica materializa a revisión de cinco anos de práctica artística de Fernández Calvo a través da creación dun arquivo emocional e sensible. Este arquivo actívase na performance mediante un traballo centrado na palabra e o son, convocando voces, lembranzas e relatos vinculados ao alimento e aos coidados.
A práctica artística de Marta Fernández Calvo (Logroño, 1978) está fortemente influenciada por estes dous conceptos —alimentación e coidado— e polas súas conexións sociais, políticas e afectivas. En proxectos como Casas de Comidas, Food Chorus ou Yo echo para atrás las cosas malas, explora como a transmisión interxeracional e as redes de afecto definen identidades e territorios.
Nesta ocasión, será acompañada por Su Garrido Pombo, recoñecida pola súa voz cálida e os seus directos envolventes, nos que mestura folk, bossa, jazz e latin cun estilo intimista e persoal. Xuntas darán forma a unha experiencia escénica que combina corpo, voz e memoria nun acto colectivo arredor da palabra e do alimento. A performance insírese na sección escénica da Bienal, comisariada por Iñaki Martínez Antelo, e será de acceso libre ata completar aforo.