Ao longo da xornada, os asistentes poderán degustar máis de cen viños galegos, incluídas referencias das cinco Denominacións de Orixe e da IXP Ribeiras do Morrazo. Para facilitar a experiencia habilitaranse dous turnos, de mañá e de tarde, e a entrada será libre ata completar aforo
Vilaboa, xullo de 2025. Este 13 de xullo, o espazo de O Forno do Cal, en Vilaboa, acollerá a primeira edición de “100 viños e 100 libros”, un encontro enoliterario pensado para celebrar o pracer da lectura e o gusto polo viño nun mesmo lugar, entre o mar e a memoria industrial.
A poucos días do evento, confírmanse algúns dos autores e autoras que compartirán protagonismo cos viños galegos. Entre os participantes estarán Perfecto Souto, con obras como Stricta Fvnnis (En la cuerda floja) e Clarisa; Gonza M. Fontán, autor de Funeral de Estados; ou Yolanda Villaverde, que achegará títulos como La sombra del Morrazo e Pez negro. Tamén participarán Petra Bienvenido (Contos do Mar, Hasta aquí hemos llegado), Beína (¿Dónde nacen las aberturas?), Óscar Vázquez Lima (La noche que Andrea desapareció) e Reka Refojos, que presentará os seus libros Detritos e Rula.
A cita contará ademais coa presenza de Pluma de Tojo (La Bestia del Silencio), Almudena Santamaría (Puede que algún día…, A sombra do Mal), Patricia Torrado, autora dunha obra diversa e singular como Ouveos fractais, Bolboretario do confinamento ou Don Carlos e o misterio dos lucecús, e co escritor e investigador Rodrigo Costoya, coñecido polos seus títulos Portosanto, Misarela, La última reliquia, El custodio de los libros, Hijos de Gael, O século do milagre ou El siglo del milagro. Tamén está confirmada Mav Alonso, así como Luis e Alejandro Paadín, referentes no mundo do viño en Galicia, autores de obras como Como piedras que facían viño, a Guía de viños, destilados e adegas de Galicia, e a Guía de produtos agroalimentarios da Reserva da Biosfera da Mariña Coruñesa e Terras do Mandeo.
Ao longo da xornada, os asistentes poderán degustar máis de cen viños galegos, incluídas referencias das cinco Denominacións de Orixe e da IXP Ribeiras do Morrazo. Para facilitar a experiencia habilitaranse dous turnos, de mañá e de tarde, e a entrada será libre ata completar aforo. A cata acompañarase de froitos secos e mariñeiras que axudarán a limpar o padal entre cada viño para saborear como os verdadeiros profesionais.
“100 viños e 100 libros”, impulsada polo Concello de Vilaboa baixo a organización de Alejandro e Luis Paadín, nace como unha proposta aberta e participativa, onde a creación literaria e o viño comparten espazo, protagonismo e sentido. Un evento para gozar con calma, que convida a saborear Vilaboa desde a palabra e desde a terra.