O alcalde Manu Lourenzo sinalou que “temos claro que para transformar e dotar de vida o noso rural é crucial realizar importantes investimentos que melloren os barrios e, en consecuencia, a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.
9 de xullo. O Goberno de Soutomaior avanza coa transformación rural e urbana do concello como nunca na súa historia. Así o desprenden os datos de investimentos na parroquia de San Salvador de Soutomaior, o ámbito rural do concello, que nos dous primeiros anos de mandato xa superan o millón de euros entre fondos propios e achegas doutras institucións.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “tiñamos claro que a parroquia de Soutomaior necesitaba dun importante pulo para non quedar atrás. Desde o comezo do mandato estamos a traballar nesa liña e a realizar o investimento económico necesario no noso rural”.
Así, nestes dous anos de mandato destacan obras tan importantes como a transformación da carreira dos bolos da Pedreira, na que o Goberno de Soutomaior investiu preto de 200.000 euros ao abeiro do Plan +Provincia da Deputación; ou o arranxo do acceso principal ao campo municipal de fútbol Graciano Padín, que tivo un investimento de 60.000 do Plan Especial de Infraestruturas Deportivas (PEID) tamén da Deputación.
A estas actuacións, xa rematadas, súmanse outros importantes investimentos que o Goberno de Soutomaior ten xa proxectados e previstos que comecen en breves: o arranxo do peche exterior do campo Graciano Padín (120.000 euros tamén do PEID), cuxas obras comezaron xa a pasada semana; a humanización do Val-Sobral (160.000 euros) e o arranxo do salón de plenos da Casa do Concello e a creación dun núcleo de centralidade na súa contorna (230.000 euros), dúas actuacións realizadas ao abeiro do Plan +Provincia e que está previsto que comecen nas vindeiras semanas.
A estes importantes investimentos o Goberno de Soutomaior tamén sumou diversas actuacións nas estradas de titularidade municipal, con asfaltados e arranxos nos barrios de Moreira, Lourido, Romariz, A Montesiña e Cortellas, entre outros; o arranxo de varios parques infantís e traballos de saneamento no barrio de Lourido.
O alcalde Manu Lourenzo sinalou que “no noso concello acabouse aquilo de investir só os últimos seis meses de mandato. O Goberno de Soutomaior ten claro que para transformar e dotar de vida o noso rural é crucial realizar importantes investimentos que melloren os barrios e, en consecuencia, a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas. Desde hai dous anos no noso concello estamos traballando nesa liña e temos claro que debemos seguir traballando nela”.
Neste sentido, o rexedor agradeceu o traballo do equipo de Goberno local e das funcionarias municipais por “facer posible que hoxe se invista en obras e proxectos máis que nunca na historia de Soutomaior. Isto é posible grazas a un modelo de xestión baseado en conseguir as máximas achegas posibles doutras administracións e reducir os gastos innecesarios, sen subir os impostos agás aqueles que levan aparellado un imperativo legal por parte dos gobernos da Xunta e do Estado. Todo isto para investir de maneira responsable e con cautela os cartos dos nosos veciños e veciñas e mellorar as súas vidas”.