HomePontevedraCaldasO concello de Caldas de Reis inicia unha xira de reunións nas...

O concello de Caldas de Reis inicia unha xira de reunións nas parroquias para coñecer as necesidades das persoas maiores

- Anuncio -spot_img

A Concellería de Benestar Social e do Maior tamén ultima unha programación para a celebración do Día dos Avós, o vindeiro 23 de xullo

Estes encontros súmanse á enquisa informativa enviada a preto de 2.000 vivendas, a través das cales se recaba información para “continuar mellorando a calidade de vida e garantir que as nosas e os nosos maiores estean ben atendidos”, apunta o alcalde, Jacobo Pérez

A Concellería de Benestar Social e Maiores vén de iniciar esta semana unha rolda de encontros, nas diferentes parroquias de Caldas de Reis, dirixidas a persoas da terceira idade. Con esta iniciativa búscase reforzar as accións levadas a cabo polo Goberno local, encamiñadas a garantir unha mellor calidade de vida deste sector da poboación e para “ter constancia de primeira man das súas necesidades”, tal e como explica o alcalde, Jacobo Pérez, que participou nestas primeiras reunións, celebradas o martes nos centros sociais de Godos e Saiar. Mañá venres as citas serán en Bemil e Carracedo. As seguintes convocatorias están fixadas para o martes 15 de xullo, en San Clemente e San Andrés de César, e para o xoves 17, en Arcos da Condesa e Santa María. Todas os encontros teñen lugar entre as 10.00 e as 12.00 horas.

Nestas citas, o persoal do departamento municipal, ademais de informar sobre iniciativas e propostas que desenvolve o Concello e que se dirixen ás persoas maiores, tamén recaban información sobre a situación dos e das asistentes, para coñecer de primeira man as súas necesidades e a súa situación. “Episodios como a pandemia da COVID-19 ou o recente apagón electrónico deixan patente a importancia de manter o contacto coas nosas e os nosos maiores, especialmente nos casos nos que existe unha situación de depedencia, ben sexa por motivos de saúde, pola falta de transporte propio ou calquera outra situación”, explica o alcalde, que ten claro que o Concello “vai seguir traballando para evitar o illamento e velar pola súa calidade de vida”.

Estas reunións súmanse ás cartas que nos últimos meses se teñen enviado a preto de 2.000 domicilios do concello, nos que residen uns 3.000 veciños e veciñas maiores de 60 anos, nas que se engade unha enquisa cuxas respostas contribúen a deseñar unha vila máis inclusiva, accesible e cómoda, adaptada á necesidade da xente maior. Precisamente, nestes encontros o persoal municipal tamén axuda a resolver dúbidas relacionadas coas respostas que se pretenden obter a través destas enquisas. O cuestionario consta dunha serie de preguntas, a través das cales se solicita información de interese, como idade e xénero das persoas participantes, así como a súa situación en canto a saúde e benestar, vivenda, uso dos Servizos Sociais, nivel de coñecemento en aspectos tecnolóxicos e un apartado no que poden achegar as súas propostas e suxestións. O Concello incide no aspecto voluntario da campaña e recalca que se garante a protección de datos, cumprindo en todo momento coa normativa vixente. A través das respostas, o Goberno local farase unha idea moito máis real e aproximada sobre o estado de saúde emocional e o nivel de apoio social que reciben e precisan as persoas da terceira idade. Ademais, tamén se poderán detectar barreiras arquitectónicas en viais públicos ou en equipamentos municipais, ao tempo que se avalía o grao de coñecemento que este sector da sociedade ten das prestacións que desenvolve o propio Concello, a través do departamento de Servizos Sociais, o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ou a teleasistencia.

Jacobo Pérez recorda que un dos obxectivos prioritarios do Goberno local neste mandato é impulsar infraestruturas e servizos que redunden na mellora de calidade de vida e na comodidade das persoas maiores. Seguindo esa premisa, este mesmo ano inaugurarase o novo local do Fogar do Maior, moito máis amplo e céntrico e o Parque do Maior na Tafona. Por outra banda, o Concello está a organizar diferentes actividades para conmemorar o Día dos Avós, o vindeiro 23 de xullo. A xornada comezará cunha actividade interxeracional coas crianzas da Ludoteca, de 10.00 a 14.00 horas. O cesteiro Enrique Táboas ensinará á rapazada cuestións relacionadas con este oficio tradicional. Ás 14.00 horas terá lugar un xantar no Restaurante Lotus, mentres que pola tarde, desde as 16.30, haberá unha sesión de baile amenizada polo Dúo Marema.

Publicacións Relacionadas