A deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, visitou xunto co alcalde do Porriño e tamén deputado provincial, Alejandro Lorenzo, os traballos nos que a institución está a investir preto de 300.000 euros para solucionar os problemas de drenaxe, renovar a rede de pluviais e dotar á estrada dunha cuneta transitable
A deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, xunto co alcalde do Porriño e tamén deputado provincial, Alejandro Lorenzo, supervisou este mércores en Cerquido as obras de mellora da drenaxe da estrada provincial EP-2502 Cerquido-Ribadelouro na que a Deputación de Pontevedra está a investir preto de 300.000 euros. As obras, xa iniciadas, atópanse executadas ao 10% e abranguen un tramo de aproximadamente un quilómetro desta infraestrutura provincial que une O Porriño con Tui.
Os traballos na estrada provincial EP-2502 Cerquido-Ribadelouro teñen por obxectivo reparar o mal estado da drenaxe existente, con tramos de rotura e obstrucións. Neste eido, as obras inclúen a renovación da rede de pluviais, substituíndo a tubaxe que se atopa en mal estado mediante a instalación de novas tubaxes e novos sumidoiros para a recollida das augas. Seguidamente renovarase a capa de rodaxe con aglomerado en quente e, ademais, nunha zona deste tramo localizada fóra do núcleo urbano executarase unha cuneta de seguridade transitable de formigón, localizada na marxe dereita da vía. Por último, renovarase a sinalización horizontal e vertical do tramo afectado. Ademais, esta actuación complementarase co estendido de formigón bituminoso dentro das obras do acordo marco de conservación de firmes do presente ano.
A actuación complétase coa execución de cunetas de seguridade viaria fóra do tramo do núcleo urbano, co obxectivo de dotar dunha maior seguridade a esta estrada provincial, principalmente aos peóns que acceden ao polígono e núcleo de Ribadelouro en Tui. Precisamente neste concello, a deputada provincial aproveitou a ocasión para visitar outras zonas e tramos da estrada provincial EP-2502 ao seu paso por Tui, co obxectivo de escoitar á veciñanza para atender diversos problemas existentes e poder poñer en marcha melloras.