O alcalde de Caldas de Reis mantivo un encontro con residentes da zona para explicar os pormenores dunha actuación que abarcará máis de 2.500 metros cadrados e na que o Concello investirá máis de 200.000 euros do Remante de Tesourería
Nos últimos días deron comezo os traballos de sondaxe arqueolóxica previos á obra, que servirá para outorgar máis protagonismo ao tránsito peonil nunha zona moi vencellada ao Camiño Portugués e ao río Bermaña
O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, mantivo este pasado luns un encontro con veciños e veciñas da contorna do Campo da Torre, un dos espazos emblemáticos do núcleo da vila termal, no que o Concello ten previsto acometer un proxecto integral da mellora da mobilidade peonil. O Goberno local investirá máis de 200.000 euros para a execución desta ambiciosa obra, que servirá para garantir a seguridade, a accesibilidade universal e para poñer en valor unha área de moito valor desde o punto de vista patrimonial e natural, e que está directamente relacionada co Camiño Portugués e co río Bermaña. O proxecto financiarase con fondos propios, provintes do Remanente de Tesourería de 2024.
Nesta reunión a pé de rúa, Pérez Gulín explicou os pormenores da actuación, que se extenderá sobre unha superficie superior a os 2.500 metros cadrados.
Precisamente, nestes días deron comezo os traballos de sondaxes arqueolóxicas previas. Tal e como detallou o rexedor caldense, as actuacións proxectadas prevén priorizar o tránsito peonil na zona, ao tempo que tamén se buscarán alternativas para o uso de vehículos privados, mellorando e aumenanto, ademais, a superficie para viandantes e bicicletas, con vías “continuas e atractivas”, sinalou. O Goberno local aposta por establecer un novo modelo de xerarquización viaria a nivel urbano, co obxectivo de reducir o impacto do tráfico rodado e facilitar as conexión peonís entre núcleos. Sobre este proxecto en concreto, a área de actuación inclúe o espazo completo do Campo da Torre, ata a intersección coa rúa Fermín Mosquera así como a contorna da Fonte e da Ponte Bermaña. Tamén se prevé actuar no tramo da rúa Fernández García Díaz, máis próxima ao río Bermaña.
Jacobo Pérez tamén aproveitou este encontro para agradecer á veciñanza a súa comprensión e colaboración unha vez que comecen as obras. “Imos facer realidade un proxecto que convertirá en protagonista un dos espazos máis emblemáticos do noso casco urbano, garantindo unha maior seguridade viaria e sendo respectuosos coa contorna”. O alcalde de Caldas de Reis incide na importancia de continuar promovendo accións que sirvan para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas da vila, como é o caso desta reforma.