O BNG celebra un acto para conmemorar o Día da Patria Galega e reivindicar os seus gobernos transformadores

adminON
Lectura mínima de 6

Nun acto na localidade de Ribeira, os nacionalistas puxeron en valor o traballo realizado defendendo os intereses dos e das galegas e mellorando a vida da xente

Néstor Rego pon de exemplo de honradez e eficacia os gobernos do BNG como o de Ribeira e aposta por avanzar para unha Galiza soberana

No marco da campaña previa á celebración do Día da Patria, o 25 de xullo, a organización nacionalista celebrou un acto na localidade de Ribeira poñendo en valor o traballo que o BNG realiza na defensa dos intereses dos galegos e galegas e a transformación a mellor das condicións da cidadanía cando ten oportunidade. O BNG reivindica o papel do nacionalismo galego e cualifícao como estratéxico para o futuro da Galiza e como motor de transformación social.

O acto, que contou cunha grande afluencia de público e un ambiente dinámico, tivo as intervencións de Amparo Cerecedo, tenenta de alcalde da Pobra do Caramiñal, Néstor Rego, deputado no Congreso e de Luís Pérez Barral, alcalde de Ribeira.

Na súa intervención, Amparo Cerecedo destacou que “hai moitas maneiras de facer país, e unha delas é desde os gobernos municipais, transformando as vilas e cidades en lugares onde traballar, desfrutar e convivir, escapando de modelos que só buscan beneficio económico”. Cerecedo puxo en valor que “os gobernos do BNG cren, crean e planifican concellos sustentábeis, participativos, inclusivos e galegos”, recalcando que “hai proxectos que poden ser interesantes para Washington ou Alabama, pero non para a Pobra ou Ribeira”.

Tamén salientou o compromiso real co feminismo e coa igualdade, lembrando que na Barbanza hai dúas mulleres nacionalistas á fronte de áreas de promoción económica, ela mesma na Pobra e Veva Betanzos en Ribeira: “Somos muller e políticas, e sempre me fastidiou que non ocupásemos concellarías con responsabilidades económicas. Por que non? Claro que podemos e queremos”, asegurou.

Cerecedo fixo un repaso polas políticas transformadoras desenvolvidas na Pobra, como vivendas de emerxencia social, o servizo “comedor sobre rodas”, a municipalización do SAF, espazos de atención psicolóxica nas escolas ou o apoio ao comercio local, reivindicando que “o BNG non queda no discurso, actúa”.

O deputado, Néstor Rego, contrapuxo a traxectoria limpa do BNG ante os lamentábeis episodios que sacoden a política estatal e que están a xerar certo descrédito na representación política. “O BNG, o nacionalismo galego, representa unha alternativa sólida e de futuro para a Galiza que se apoia no traballo honrado, incansábel e desinteresado de todas e todos os seus representantes. Os gobernos municipais do BNG, como o que encabeza Luís Pérez Barral en Ribeira, son o mellor exemplo disto” aseverou Rego.

Do mesmo xeito, avanzou que o Bloque estará vixiante para que os compromisos adquiridos polo executivo estatal -após asinar o Acordo de Investidura conseguido polo BNG- se leven a cabo. “O BNG nunca vai favorecer un Goberno da dereita ultra e da ultra dereita mais tampouco daremos unha carta branca para nada nin para ninguén. O Goberno debe cumprir” salienta Rego.

O deputado salienta que o nacionalismo é un movemento con crecente apoio social, o que lle vai permitir asumir nos próximos tempos novos retos, como máis gobernos municipais ou o Goberno da Galiza. “O BNG é a garantía da mudanza real que o noso País necesita, queremos seguir avanzando até construírmos unha nova Galiza, libre e soberana, que aproveite todas as potencialidades de desenvolvemento e asegure calidade de vida e benestar para toda a nosa xente”, subliña.

Pola súa banda, Luís Pérez Barral, alcalde de Ribeira, celebrou que “por primeira vez Ribeira ten un goberno nacionalista, grazas ao traballo constante e á ilusión de moita xente”. Reivindicou un modelo que “pon á veciñanza no centro, abre as portas do Concello, escoita, dialoga e entende que a administración máis próxima debe estar sempre ao servizo das persoas e non das siglas políticas”.

Pérez Barral destacou a inversión de 5,5 millóns de euros en melloras básicas como auga potable, saneamentos e pavimentacións, especialmente no rural, e un novo modelo de cidade “máis verde, máis accesible e pensada para as persoas”, exemplificado nas peonalizacións e proxectos culturais como o festival de arte urbana Salmoira.

Tamén quixo poñer en valor o traballo do seu equipo: “Nada disto sería posible sen un equipo que traballa cada día sen buscar protagonismo, só coa vontade de mellorar Ribeira”, dixo, citando o labor de Xabi Vidal en obras e deportes, Cruz Rivadulla en educación e igualdade, de Antía Alberte en cultura e Veva Betanzos en promoción económica.

O alcalde concluíu cunha mensaxe de futuro: “veñen dous anos cargados de enerxía, ilusión e moito traballo para seguir transformando Ribeira e mellorando a vida da nosa xente”. E pechou proclamando: “Viva Ribeira e viva Galiza!”.

Comparte este artigo