Davinia Lojo, Pablo Guimeráns e Bieito Lobeira formarán parte das listas do BNG, unha presenza que a agrupación local le como sinal do seu bo momento organizativo
O BNG de Marín estará representado nas candidaturas da formación nacionalista ao Congreso e ao Senado ás eleccións xerais do próximo 29 de novembro: Davinia Lojo e Pablo Guimeráns por Pontevedra e Bieito Lobeira por Coruña. Para a agrupación local, a suma destes tres perfís nativos da vila marinense, que xuntan experiencia institucional, preparación técnica, coñecemento das institucións europeas e traballo político de base, é unha mostra da capacidade colectiva do proxecto nacionalista da vila.
Davinia Lojo, politóloga e estadística, é concelleira pola formación nacionalista. Combina o traballo político e organizativo cunha sólida formación académica e experiencia profesional no ámbito da xestión dos recursos mariños. A súa traxectoria inclúe a participación en proxectos europeos e en iniciativas destacadas como as análises para contribuír á planificación espacial marítima.
Pablo Guimeráns Sanjorge, historiador e politólogo, é membro do Consello Local do BNG e formou parte das candidaturas municipais de 2019 e 2023. Traballou durante varios anos no Consello da UE e no Parlamento Europeo, en Bruxelas, onde se especializou en políticas comunitarias. Destaca tamén polo seu compromiso coa defensa da lingua galega, a igualdade e os dereitos LGTBI+.
Pola súa banda, Bieito Lobeira representa a experiencia acumulada ao longo dunha extensa traxectoria no nacionalismo galego, tanto no ámbito orgánico como no institucional. A súa participación, completa un conxunto de perfís que abrangue distintas xeracións, ámbitos de especialización e formas de implicación política.
O responsábel local da formación nacionalista, Xurxo Agra, salienta que estas candidaturas “reflicten o bo momento organizativo que vive o BNG en Marín, a nosa capacidade para sumar perfís diversos e a consolidación dun proxecto que combina experiencia, renovación e traballo colectivo”.
Desde a formación consideran que esta diversidade é unha das fortalezas do nacionalismo en Marín, que conta con persoas capaces de achegar coñecementos desde ámbitos moi diferentes, sempre cun compromiso compartido co País.

