O deputado provincial Jorge Cubela acudirá este martes á sesión centrada nas sedes electrónicas, na que participarán unha ducia de persoas
+Reto Dixital é un programa que busca facilitar o acceso das persoas maiores aos servizos da Administración pública e dotalas de autonomía nos trámites cotiáns adquirindo competencias dixitais coas que mellorar a súa calidade de vida
A Deputación de Pontevedra continúa a próxima semana en Meis a programación dos preto de 70 obradoiros de capacitación tecnolóxica do programa +Reto Dixital. Esta iniciativa que pon en marcha a institución provincial ten como obxectivo formar as persoas maiores da provincia para facilitarlles o acceso aos servizos da Administración pública, dotalas de maior autonomía para xestionar os seus trámites cotiáns, e mellorar a súa calidade de vida grazas á adquisición de competencias dixitais.
No Centro Multiúsos de Meis terán lugar un total de tres accións formativas nas que se darán cita unha ducia de persoas por actividade. A primeira delas terá lugar os días 21 e 22 de xullo, en horario de 10:00 a 12:30 horas e centrarase nas sedes electrónicas. Os días 23 e 28 de xullo, no mesmo horario, darase a coñecer a aplicación do Sergas e os días 29 e 30 de xullo, tamén nese horario, terá lugar unha sesión centrada na banca móbil. Á sesión do martes, 22 de xullo, acudirá o deputado provincial de Cultura, Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela.
Participarán en +Reto Dixital, cun orzamento de 30.000 euros, un total de 23 concellos da provincia de reto demográfico entre os que se atopan, ademais de Meis, Mondariz, A Lama, Pontecesures, Salceda de Caselas, Portas, Salvaterra de Miño, Rodeiro, Caldas de Reis, Silleda, Fornelos de Montes, Cerdedo-Cotobade, Vila de Cruces, Vilanova de Arousa, Arbo, Barro, Sanxenxo, Meaño, O Rosal, Bueu, Dozón, Catoira e Ribadumia.
Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso coa inclusión dixital e coa mellora da calidade de vida das persoas maiores nos concellos de reto demográfico. A Deputación ofertou cinco cursos (‘A Administración electrónica’, ‘A Sede electrónica da Deputación e do meu Concello’, ‘Sergas, a súa aplicación electrónica e TELEA’, ‘Uso da banca móbil e as compras electrónicas’ e ‘As redes sociais’) e cada un incluirá un módulo inicial sobre seguridade no uso de medios electrónicos e da Internet.