- Aprobada inicialmente a modificación do PXOM que desbloquea o desenvolvemento industrial e ofrece garantías urbanísticas, ambientais e económicas
O Concello de Ponteareas dá un paso firme cara ao futuro industrial do municipio coa aprobación inicial da modificación puntual nº2 do PXOM, que ordena pormenorizadamente o ámbito SURBZ-01 IND “A Lomba”. Esta aprobación inicial pon fin á inseguridade xurídica que durante anos afectou ás empresas da zona e crea as condicións para o seu crecemento e a implantación de novas actividades industriais.
“As empresas locais xeran riqueza e emprego. Agora poderán medrar con garantías e novas industrias instalarse con seguridade. A pesar do bloqueo, seguiron apostando por Ponteareas”, destacou no pleno a concelleira de Urbanismo, Silvia Fdez. Táboas.
Pola súa parte, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, asegurou que “esta aprobación inicial representa un paso decisivo para transformar A Lomba nun verdadeiro motor económico local. Apostamos por un modelo de solo industrial que sexa viable, atractivo e plenamente compatible coa calidade de vida da nosa veciñanza”.
Unha noa ordenación máis eficiente, sostible e realista
A nova ordenación achega importantes melloras respecto ao planeamento anterior:
• Aforro de 2,4 millóns de euros en custos de urbanización interior e conexións exteriores.
• Redución do viario nun 30%, o que mellora a eficiencia do solo e diminúe os custos de execución.
• Incremento das zonas verdes nun 20%, acadando máis de 67.000 m², que permitirán crear un cordón verde de transición cara a zona residencial de A Freixa.
• A antiga fábrica de madeiras será demolida para dar paso a unha nova zona verde, xerando un espazo de amortecemento e mellora paisaxística entre a actividade industrial e a contorna urbana.
• Redución do número de propietarios de 144 a 85, o que simplifica a xestión do solo.
• Repercusión do custo por m²: pasa de 30 €/m² a só 17,77 €/m².
• Incremento do aproveitamento urbanístico, que pasa de 0,351 a 0,386 m²/m² (un 10% máis valor edificable).
• Aumenta a edificabilidade neta de 36.000 m² a máis de 56.000 m².
Todo isto mantendo a coherencia territorial, con conexións eficientes, unha ordenación compatible co medio e coas zonas residenciais próximas.
Un solo industrial estratéxico para Ponteareas
Este ámbito é clave para o desenvolvemento económico da vila:
• Está preto do núcleo urbano.
• Ten excelente conexión coa N-120 e coa A-52.
• É ambientalmente viable.
• E conta cunha configuración urbanística que permite a súa execución real.
“Este solo non é unha promesa. É unha realidade próxima grazas ao traballo serio do equipo técnico e ao compromiso institucional coa Xunta de Galicia”, subliñou Fernández Táboas.
⸻
Melloras que impactan nas empresas e na veciñanza
A modificación incorpora tamén medidas que melloran a calidade urbana e ambiental:
• A parcela da antiga fábrica de cerámica reordénase como solo de uso terciario, abrindo a porta a servizos e actividades complementarias á actividade industrial.
• Inclúense aceras e un carril bici, acompañados da plantación de 1.350 árbores, contribuíndo á renaturalización da contorna e ao confort ambiental.
• O ámbito contará con 1.447 prazas de aparcamento, facilitando a mobilidade e a funcionalidade da zona.
• Suprímense reservas dotacionais innecesarias.
• Elimínase a obriga de soterrar a liña de alta tensión, o que permite garantir a viabilidade económica do desenvolvemento.
• Adáptase a ordenación viaria aos enlaces previstos polo MITMA na N-120.
Exposición pública e participación
Agora que o documento foi aprobado inicialmente, abrirase un período de exposición pública de dous meses, durante o cal calquera persoa interesada poderá presentar alegacións ou suxestións.
Neste tempo, o Concello convocará reunións informativas con:
• Os propietarios dos terreos,
• A venciñanza colindante, especialmente da zona de A Freixa,
• E os grupos políticos da corporación.
A alcaldesa Nava Castro subliñou que “traballamos con transparencia e participación. Queremos que todos os implicados teñan espazo para opinar e contribuír ao deseño dun polígono que sexa útil para Ponteareas e respectuoso coa contorna”.
Compromiso coa industria, o emprego e o futuro de Ponteareas
“Non aprobamos unha promesa. Aprobamos un documento técnico, económico e xurídico sólido, que permitirá desbloquear o solo industrial de A Lomba tras anos de bloqueo. Facémolo con planificación, rigor e compromiso cun futuro produtivo para Ponteareas”, concluíu a concelleira de Urbanismo.