HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación continúa esta fin de semana as actividades do programa +Bosques...

A Deputación continúa esta fin de semana as actividades do programa +Bosques con catro percorridos polo Carreirón e a Ruta do río Xabriña

- Anuncio -spot_img

As actividades, con todas as prazas esgotadas para participar nas rutas do mes de agosto, esténdense ata finais de outubro

A Deputación de Pontevedra continúa esta fin de semana as actividades do programa provincial +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e que permitirá ás persoas participantes, 15 por quenda, gozar das vantaxes dos denominados “baños de bosque”. As actividades que oferta a Deputación para esta fin de semana son dúas quendas o sábado 9 de agosto no Carreirón, na Illa de Arousa, e outras dúas quendas o domingo 10 de agosto na Ruta do río Xabriña, en Covelo. Todas as prazas dispoñibles para participar nas rutas de agosto están completas, esgotándose en cuestión de horas trala apertura da inscrición. O prazo para inscribirse nas rutas de setembro abrirá o próximo 25 de agosto ás 9:00 horas.

O Carreirón ten a catalogación de Zona Internacional de Especial Protección para as Aves e está integrado no Parque Natural do Complexo Intermareal Umia-O Grove. Trátase dunha península de 1,3 km2, unida á illa polo tómbolo das Salinas, que se atopa en estado completamente puro e con varios sendeiros. A súa costa recortada dá lugar a praias de area fina, lagoas e marismas, así como diferente flora e fauna.

A ruta do río Xabriña destaca pola súa frondosa fraga, un escenario terapéutico polo que corre un regato con rápidos e pequenas fervenzas salpicadas de pontellas, muíños, fontes, corredoiras e pasadizos de musgo que facilitan unha experiencia de mergullo nun bosque caracterizado pola súa frescura.

Os espazos naturais que forman parte da oferta de +Bosques este ano son a ruta do Xabriña (Covelo) e da Pedra e da Auga (Meis), O Carreirón (A Illa de Arousa), Cabo Udra (Bueu), o Pazo de Lourizán (Pontevedra), a Illa de Tambo (Poio) e o río Eifonso (Vigo). Este ano a Deputación duplicou a oferta de percorridos por estes sete espazos da costa e o interior da provincia, que permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas, algunhas delas pola tarde, pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. Deste xeito, promoverase  a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como realizaranse exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.

Durante este mes tamén se celebrarán dúas quendas da Ruta do Xabriña o día 23 de agosto. Ademais, celebraranse actividades o 24 de agosto na Ruta da Pedra e da Auga, os días 16 e 31 en Cabo Udra, o 17 de agosto na Illa de Tambo e o 30 de agosto no río Eifonso.

Publicacións Relacionadas