HomeVigoNigránO concello de Nigrán traslada definitivamente o Mosaico Romano de Panxón á...

O concello de Nigrán traslada definitivamente o Mosaico Romano de Panxón á Biblioteca Municipal

- Anuncio -spot_img

A peza do s.III d.C., atopada nun anticuario de New York tras 20 anos desaparecida, está xa nesta ubicación definitiva, que foi habilitada con medidas extra de seguridade

Poderá visitarse no horario habitual da biblioteca (en verán de 9:00 a 15:00 horas e sábados de 10:00 a 14:00 horas) e ata o 5 de setembro de 18:00 a 21:00 horas grazas ao CEE Juan María

O mosaico chegou o 18 de xaneiro ao Concello e estivo exposto un par de meses no Salón de Plenos antes de trasladarse a esta ubicación definitiva

A ‘perla’ arqueolóxica de Nigrán, o mosaico romano de Panxón, xa luce na súa ubicación definitiva: a premiada Biblioteca Municipal, na céntrica Praza de Fornes. Anteriormente, desde a súa chegada o 18 de xaneiro e ata finais de abril, estivo exposto no Salón de Plenos do Concello acompañado dunha mostra ao respecto. Atrás queda unha epopea que comezou en xaneiro de 2022 na galería Carlton Hobbs de New York, onde foi localizado tras vinte anos sen pista algunha deste tesouro do século III d.C. Desde esa outra ribeira do Atlántico embarcou cara o Reino Unido, onde estivo máis dun ano paralizado pola burocracia extra do Brexit e, ao fin, chegou o pasado mes de novembro á Galería Colnaghi (Madrid) e logo a Nigrán. O mosaico, dun metro cadrado e embutido nunha mesa, consérvase intacto e representa maxistralmente a fauna mariña mediante coloridas teselas de mármore, destacado un colosal peixe de 67 cm (un muxo) e unha ameixa aberta, un tema único nos achados de toda a área metropolitana.

“A nosa gran xoia patrimonial descansa xa no seu destino final, a Biblioteca Municipal, un edificio á altura desta peza”, considera o alcalde, Juan González, en referencia aos múltiples premios acadados por este edificio inaugurado en 2022. Alí, na planta baixa (a que conecta directamente coa praza de Fornes) está xa o mosaico, nun espazo acondicionado con videocámaras de vixiancia e medidas extraordinarias. Deste xeito, estará sempre visible ao público no horario habitual da Biblioteca (no verán de 9:00 a 15:00 horas e sábados de 10:00 a 14:00 horas) e durante o que queda de agosto e todo setembro tamén de 18:00 a 21:00 horas grazas á contratación especial da vixianza e atención a unha persoa usuaria do Juan María Empleo, quenes tamén se ocuparon disto mesmo cando estivo no Salón de Plenos.

Ao famoso mosaico perdérselle a pista despois dunha poxa no ano 2000 na Galería Castellana de Madrid, ata que no ano 2018 se re-localiza no catálogo da casa Carlton Hobbs de New York. Desde ese intre, o Concello de Nigrán puxo en marcha o engrenaxe para recupéralo e, xa desde 2019, foi tamén da man de Gonzalo Fernández-Turégano, oriúndo da Ramallosa e quen constitúe a Asociación para la Repatriacion del Mosaico Romano de Panxón co fin de axilizar os trámites. Así, o Concello de Nigrán achegou a esta entidade 40.000 € dos 58.000 € que custou a peza, coa condición indispensable de que pasase a formar parte do patrimonio municipal e, como tal, se expuxese nun espazo público da localidade como é a Biblioteca. “O valor histórico é incalculable, é xa un emblema para o noso municipio. Telo recuperado é un logro importantísimo”, considera o rexedor.

Este mosaico foi documentado polo miúdo nos anos 70 polo prestixioso arqueólogo Fernando Acuña Castroviejo, quen no seu artigo “De novo sobre o Mosaico de Panxón e outras novas sobrea Musivaria na Gallaecia” relata a súa importancia e as súas vicisitudes. Así, segundo el mesmo expón, grazas a manuscritos do século XIX entregados por Xosé María Álvarez Blázquez, se sabe que a peza apareceu “en el sitio llamado el Castro” de Panxón pertencendo primeiramente a “Dª Umbelina González Lavandeira, viuda del Sr. De Puga”, quen o tiña “en su casa de campo de la parroquia de S. Juan de Panjón” (os historiadores coinciden en que nesta zona existía unha importante villa no Baixo Imperio Romano, xa que tamén apareceron ánforas, moedas, un ara a Mercurio…). En principio, o fragmento de mosaico atopado era máis grande, pero como o tiñan pola finca tirado, foron rompéndoselle partes, polo que finalmente os donos optaron por usalo para facer unha mesa. O escrito do s. XIX dí así: “… está sirviendo de cubierta de una mesa con el objeto de que no se estropease porque según me dijeron era mayor y como estuviese tirado lo iban destrozando, y para evitar su total desaparición han hecho aquella dándole la forma de cajón embutiendo en ella el mosaico siendo este de un metro cuadrado y 20 cm de espesor…”.

Cara finais do século XIX o mosaico (é decir, a mesa co mosaico) pasa a formar parte da colección Blanco-Cicerón (mediante compra), onde parece que se conserva durante todo o século XX. No ano 2000 aparece para ser subastado na Galería Castellana de Madrid: lote nº 664 “mesa con mosaico romano”, desaparecendo ata o ano 2018, cando reaparece no catálogo da casa Carlton Hobbs e comeza a súa epopea de regreso a casa.

Publicacións Relacionadas