A praza de Maceira acollerá este sábado, 9 de agosto, a III Festa do Colesterol por un día, un evento gastronómico e festivo organizado pola Asociación Virxe da Guía de Maceira co obxectivo de recadar fondos para apoiar as súas actividades, e que conta coa colaboración do Concello de Covelo.
A programación arrincará ás 12:30 h co Concurso de empanada de mazá, no que se valorará a presentación e o sabor. Os premios serán de 75 €, 50 € e 25 € para o primeiro, segundo e terceiro clasificado, respectivamente. As persoas interesadas en participar poden inscribirse chamando ao teléfono 626 986 510.
A partir das 14:00 h terá lugar a Festa Gastronómica cun menú que inclúe chourizo, 2 ovos, patacas fritas, pan e sobremesa local, a un prezo de 8 € por persoa adulta. O menú infantil, con chistorra, patacas e dous ovos, terá un custo de 4 €. As bebidas non están incluídas, pero haberá servizo de bar con prezos populares.
Para garantir a comodidade do público, instalarase unha carpa que proporcionará sombra durante toda a festa gastronómica.
A xornada estará amenizada coa música de DJ Pitty e Cyntia&Rose, e contará tamén con postos de artesanía e alimentación.
Ademais, a menos de 2 km da praza atópase a praia fluvial de Maceira, un lugar espectacular para darse un refrescante baño despois de gozar da festa.
Unha ocasión perfecta para saborear a gastronomía máis popular, apoiar á Asociación Virxe da Guía de Maceira e vivir unha xornada festiva en boa compaña.