HomeXunta de GaliciaA Xunta anima á mocidade a través da iniciativa ‘van polo clima’...

A Xunta anima á mocidade a través da iniciativa ‘van polo clima’ a converterse nun activo fronte ao cambio climático e no coidado do medio ambiente

- Anuncio -spot_img
  • O Executivo galego promove entre a xente nova prácticas sostibles que contribúan a mitigar os efectos do quecemento global actuando de xeito responsable en todos os aspectos da súa vida cotiá, incluídas as actividades de lecer
  • Paula Uría salienta que esta iniciativa xa estivo presente en distintos festivais musicais nas últimas semanas, que acudirá ao Festival da Luz de Boimorto a final de mes e que en todo o verán chegará tamén a tres campos de voluntariado e a 12 campamentos de ocio e tempo libre da Comunidade
  • Esta acción do programa Mocidade polo Clima pretende levar a concienciación sobre as boas prácticas no eido climático a máis de 5.000 persoas a través de charlas e outras actuacións de carácter lúdico

A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, acompañou hoxe ás mozas e mozos que participan no campo de voluntariado Rural Influencers durante a realización de distintas accións enmarcadas na iniciativa Van polo Clima e animounos a converterse en verdadeiros activos fronte ao cambio climático e no coidado do medio ambiente.

A responsable autonómica asistiu ás actividades desenvolvidas no CEIP Plurilingüe Carballedo ao abeiro do programa Mocidade polo Clima e dirixidas a persoas de entre 18 e 30 anos co fin de que se sintan identificadas con ese concepto -o de moza ou mozo polo clima- e contribúan a mitigar os efectos do quecemento global actuando de xeito responsable en todos os aspectos da súa vida cotiá.

A primeira desas accións consistiu nunha charla ou conversa cos participantes no campamento sobre temas relacionados co medio ambiente e a segunda nunha actividade lúdica en forma de xogos de preguntas e respostas que permiten afondar en diferentes conceptos climáticos e reflexionar sobre eles. Deste xeito, a iniciativa Van polo Clima fomenta as prácticas respectuosas coa contorna e sostibles en todos os ámbitos, desde as tarefas rutineiras da vida diaria ata actividades de lecer como poden ser os festivais musicais ou os campamentos de verán.

De feito, a directora xeral lembrou que a furgoneta rotulada desta acción de sensibilización ambiental xa estivo en distintos festivais como O Son do Camiño (Santiago de Compostela), Port América (Portas), o Atlantic Fest (Vilagarcía de Arousa) ou o Morriña Fest (A Coruña) e a finais de mes estará no Festival de la Luz (Boimorto). A maiores, durante todo o verán chegará a tres campos de voluntariado e doce campamentos de ocio e tempo libre dirixidos á xente nova repartindo distintos agasallos -como toallas, gorros ou pulseiras- entre os participantes.

O obxectivo último de Van polo Clima é chegar a máis de 5.000 rapazas e rapaces de Galicia ou do exterior que visitan a comunidade, unha acción que serve tamén para promocionar entre o público ao que vai dirixido a primeira edición dos premios Mozo/a polo clima, que pretende recompensar o talento xuvenil dándolle visibilidade a algunhas das súas iniciativas, proxectos e ideas no eido social e empresarial, na investigación, na cultura ou na arte e que teñan algún tipo de impacto positivo no clima galego.

Publicacións Relacionadas